Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2023 | Actualizada ás 13:27
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 81 persoas debido a 68 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas, das cales unha faleceu no propio lugar do accidente. O sábado foi o día que rexistrou máis sinistros, con 27 accidentes de tráfico. O período contabilizado comprende desde as 15.00 horas do venres, 3 de novembro, ata as 23.59 horas do domingo, día 5.
A central de coordinación do 061 recibiu nestes días 84 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 68 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu a un total de 81 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 62 % e do 38 %, respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 38 % dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.
Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou con 30 accidentes de tráfico durante os desprazamentos desas datas. A de Lugo tivo sete; Ourense, cinco; e Pontevedra, 26. Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na central de coordinación do 061 foron 80.
Así, as ambulancias asistenciais con soporte vital avanzado asistiron en dez accidentes, o helicóptero medicalizado mobilizouse nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico colaboraron en 63 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en seis accidentes. En 62 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 18 ocasións atendéronse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto do sinistro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.