Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/11/2023 | Actualizada ás 16:00
O avance da intelixencia artificial aterra. Xa non é cousa do futuro, senón que é algo presente, e moi presente. Parece que todos os sectores se ven afectados pola súa chegada e pola irrupción tan abrupta que tivo, estando ao alcance de calquera. Un novo exemplo disto é o caso da canción xerada por intelixencia artificial que simula a voz do cantante de reggaeton portorriqueño Bad Bunny. Así, se fai uns días coñeciamos na Coruña ao gañador do festival da Eurovisión de Intelixencia Artificial, no que participaba unha canción recreada coa voz da xa falecida Ana Kiro, agora é Bad Bunny o que se recrea cantando un tema que non foi composto por el nin gravado coa súa voz orixinal. Con todo, mesmo para aqueles que son verdadeiros fans do artista, dá o pego perfectamente.
As letras, as rimas e ata o ritmo teñen ese toque inconfundible de Bad Bunny que o fai recoñecible para calquera que o escoita. E, de feito, en Tik Tok a canción non tardou en volverse viral, chegando a ser moi usada en trends ou coreografías de múltiples influencers do momento. Ninguén sospeitaba nin por asomo que a canción titulada 'NostalgIA' non era cousa do portorriqueño... Ata que el mesmo saiu a desmentilo. A polémica estaba servida. Foi o martes cando estalou contra o éxito acadado nas redes sociais por esta canción que usa, digamos que de xeito ilícito (aínda que polo momento é alegal) a súa voz, recreada de xeito artificial. "Se a vostedes lles gusta esa merda de canción que está viral en Tik Tok, salan deste grupo agora mesmo. Vostedes non merecen ser os meus amigos", escribiu o artista nunha mensaxe publicada no seu canal de difusión de WhatsApp.
A canción xa no propio título xoga co nome de 'NostalgIA' (iniciales da ferramenta tecnolóxica empregada para a súa creación), e xa levaba medio millón de reproducións en Tik Tik, chegando case ao millón en Spotify, aínda que seguramente tras saltar o escándalo xa sexan moitas máis. O creador do tema é FlowGPT, un usuario de redes que xoga coa IA para crear colaboracións insólitas. "(FlowGPT) foi creado para compoñer éxitos globais baseándose en toda a data que teña dispoñible dos artistas do momento", expón en terceira persoa o usuario nas súas propias contas. Así, chegou a unir voces como as de Anuel AA con Feid, ou de Luis Miguel con Peso Pluma. Cunha docena de cancións no seu repertorio, xa superou os 200.000 oíntes mensuais en Spotify. Todo un éxito, sen lugar a dúbidas.
En 'NostalgIA', Bad Bunny (IA) alude á cantante catalana Bad Gyal. A artista chegou a compartir un vídeo en Tik Tok coa canción de fondo e o texto: "Eu toda emocionada e logo descubro que é IA". Horas despois borrou o vídeo. E FlowGPT deu resposta ás palabras do portorriqueño, ao que se dirixiu polo seu nome de pila, Benito: "Recordas a ese Benito de antes? A súa fame de ser escoitado? De ser un antes e un despois na música? Hai millóns de Benitos polo mundo, frustrados, pero cun talento incríble. Lamentablemente, estes Benitos nunca terán a mesma oportunidade ca ti". Así, referíase directamente á colaboración que tivo Bad Bunny co consolidado trapeiro Arcángel en 'Tú no vive así' (2016), que foi o tema que lle serviu de trampolín para lanzarse aos primeiros postos nas listas de éxitos. "Que tería sido do Bad Bunny sen un Arcángel?", cuestiona FlowGPT.
TEN A IA UNHA PARTE CREATIVA? É INTELIXENTE?
Así que neste punto estamos, nun mundo no que xa non podemos saber o que é certo e o que non. Pois por moito que pensemos unha cousa pode desmontársenos ao segundo. Se xa nin nos podemos fiar do que escoitamos nin do que vemos, que nos queda? E é que agora o que se está a facer é plaxiar as voces dos cantantes para simular que un tema é seu, chegando ao punto de que a intelixencia artificial é quen de adaptarse ao seu estilo e de crear letras que serían propias do artista en cuestión só cunha análise do seu repertorio, pero cal é o seguinte paso? Quizáis robots que sexan idénticos aos propios cantantes e poidan realizar os seus propios shows? Canto perigo encerra isto para a industria? Onde quedarían os dereitos de imaxe? E onde están agora? Cando entrará a legalidade no asunto?
Dende Galicia Confidencial botamos man das explicacións dun experto en intelixencia artificial, Richard J. Duro, pertencente ao Grupo Integrado de Enxeñaría do Centro de Investigacións en Tecnoloxía da Información (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), participante nunhas xornadas sobre intelixencia artificial organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). El pensa nos robots creados con IA precisamente como ese ser que pode aprender a ser intelixente nun entorno determinado. "En 2023 temos xa robots que son quen de realizar auténticas virguerías, como o Atlas, da empresa Boston Dinamics, un robot con capacidades que fai 10 anos pensabamos que non eran factibles, capaz de moverse sobre dúas patas, saltar, subir escaleiras, facer bromas, tirar cousas e todo o que lle dea a gana", asegura. Así as cousas, aínda que os seus movementos aíndan deixan moito que desexar para semellar humanos, tamén ata o ano pasado as intelixencias artificiais que creaban imaxes facían persoas con seis dedos e agora unha imaxe ficticia é case indistinguible da realidade.
"Chegamos a un punto no que logramos robots que mecanicamente son repetidores incansables, precisos, rápidos e fortes", que nunca se cansan, ao contrario que os humanos, "que nos aburrimos, non somos precisos, somos bastante imprecisos, lentos e fráxiles, rompémonos á mínima", afirma o experto, insistindo no feito de que "os robots son moito máis capaces que nós en termos físico-mecánicos". O problema está en que desde fai ben pouco, a estas habilidades sumóuselles outra. "Estes novos robots xa non só siguen ordes, son capaces de adaptarse aos cambios, como os humanos, que decidimos o que facemos e nos adaptamos con gran facilidade ás novas situacións e propósitos dentro dun rango". Ademais, se esta canción realmente foi creada de forma íntegra pola IA, tamén se podería dicir que ten unha parte creativa, intelixente, capaz de entender o que está a escoitar previamente e reproducir o que se lle pide de xeito exacto.
"A INTELIXENCIA ARTIFICIAL TRATA DE SIMULAR A INTELIXENCIA HUMANA"
E é que, como explica J. Duro, "a intelixencia mide a capacidade dunha persoa para alcanzar obxectivos nunha ampla gama de entornos", sendo todo isto medible. Polo tanto, nunha máquina a intelixencia estaría en "ter a capacidade para realizar funcións cognitivas que normalmente asociamos coas mentes humanas". Sería algo así como coller a intelixencia e metela nunha máquina. En opinión deste experto, "o mundo é moi complexo e non é factible formalizar todo o coñecemento a man nun robot, polo que os novos sistemas teñen que ser quen de adquirilo por eles mesmos, o que chamaríamos aprender: coller datos do mundo a través de sensores e convertilos en unidades de coñecemento". Deste xeito, "un dato non é un coñecemento, solo é un dato, pero pode usarse para predecir ese modelo e converterse así en coñecemento". Así, a IA lograría "ser capaz de predecir, modelar e facer unha acción orientada a conseguir un obxectivo", neste caso, a crear unha canción de Bad Bunny, pero tamén hai intelixencias artificiais que deseñan textos periodísticos, como o propio Chat GPT.
Pola súa banda, Francisco Javier Bellas Bouza, catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxía da Información da Universidade da Coruña (UDC), tamén apuntaba neste encontro da RAGC que a intelixencia artificial trata de simular a intelixencia humana, "o que non quere dicir que sexa humana, aínda que na actualidade se lle tendan a asignar cualidades humanas para poder simplificar a mensaxe" que se lanza ao gran público. O que si é certo, segundo opina, é que visto o visto, "por primeira vez, un sistema de intelixencia artificial fai cousas que ata o de agora só faciamos nós, os humanos, e a intelixencia artificial xa está rivalizando co ser humano no que ten que ver coa súa principal característica como especie: a intelixencia". Tamén recorda que, "aínda que pareza que leva con nós toda a vida, Chat GPT vai cumprir un ano o mes que vén, un ano dende que todo isto explotou". Como siga avanzando a este ritmo, quen o freará?
O NOVO ACORDO PARA OS ACTORES IMPLICARÍA A POSIBILIDADE DE ESCANEALOS
Á pregunta de cando tomará parte a lei sobre o asunto, Hollywood xa o ten claro. Debe ser xa. Así, esta semana, tras 118 días de folga, os actores chegaron a un acordo cos grandes estudos de Hollywood. Realmente vían peligrar os seus postos de traballo coa chegada destas ferramentas que mesmo foron quen de reproducir a Tom Cruise nun vídeo de xeito que a imaxe resultaba indistinguible do verdadeiro actor. Así, selaron un acordo que terá un grande impacto e que, previsiblemente, podería marcar as liñas de actuación dos próximos anos en dous grandes aspectos como son o copyright da intelixencia artificial e os beneficios do streaming. Disney, Netflix, Warner Bross e o resto de grandes estudos aceptan as peticións. O sindicato de actores SAG-AFTRA que representa a miles de traballadores chegou a un acordo coa Alliance of Motion Picture and Television Producers (AMPTP), a organización que agrupa aos principais estudos.
O acordo, entre outras cuestións, recolle precisamente a protección fronte a un uso non autorizado da intelixencia artificial. Segundo explicaba o sindicato de actores "a intelixencia artificial plantexa unha ameaza para as profesións creativas, e todos os actores e intérpretes merecen unha linguaxe contractual que lles protexa da explotación da súa identidade e talento sen consentimento nin remuneración". Aí está a clave, unha das preocupacións dos actores era precisamente o uso da IA e dos deepfakes para crear xemelgos dixitales, xemelgos que non cobrarían nada por realizar o mesmo traballo. E, aínda que non se coñecen os pormenores sobre como se levará a cabo esta protección, The Hollywood Reporter explica que os produtores querían ter a posibilidade de escanear aos actores 'Schedule F', aqueles que gañan máis de 32.000 dólares por episodio de televisión ou de 60.000 por película.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.