Rebaixan de case 200.000 a 50.000 euros a indemnización dunha mutua a un paciente mal diagnosticado que sufriu un infarto

O TSXG aplica a doutrina de perda de oportunidade porque considera que o dano se tería producido igual aínda que se actuase de forma dilixente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2023 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TXSG) rebaixou de 193.000 a 50.000 euros a indemnización que debe abonar unha mutua a un paciente que foi mal diagnosticado dunha anxina de peito que derivou nun infarto, ao entender que o dano se tería producido igual aínda que se actuase de forma dilixente.

Así o concluíu a sección primeira do Alto tribunal galego nunha resolución na que atende de forma parcial o recurso presentado pola mutua contra a sentenza en primeira instancia do Xulgado do Contencioso-administrativo número 4 da Coruña, que condenara ao pago de case 200.000 euros por danos morais resultantes da perda de oportunidade ante o atraso no diagnóstico.

Deste xeito, nun fallo contra o que cabe recurso ante o Tribunal Supremo, o TSXG determina que "non se pode afirmar coa certeza necesaria que a ausencia dun diagnóstico adecuado da cardiopatía isquémica fose a causa do infarto agudo de miocardio que sufriu o recorrente en xaneiro de 2019".

Por tanto, rebaixa case ao 75 % a indemnización que ten a dereito a percibir o paciente ao aplicar a doutrina da perda de oportunidade, xa que entende que non pode sentenciarse que o deselance (infarto de miocardio) non se producise no caso de que se diagnosticase de forma correcta a anxina de peito que padecía.

Argumenta que a ausencia deste diagnóstico precoz "a pesar dos síntomas que se revelaban" privou ao paciente da "expectativa" de que non se produciu meses despois o infarto e, por tanto, entende que debe ser indemnizado, aínda que nunha contía menor á fixada en primeira instancia, pois seguía existindo a "probabilidade" de que ese dano "se producise igualmente de actuarse dilixentemente".

A sala apoia a súa postura nos informes elaborados por un perito xudicial e dun dos doutores, que, como recolle na súa sentenza, "contan con datos obxectivos" para deducir que no momento no que recibiu a alta médica o paciente presentaba un cadro típico de anxina de peito con mínimos esforzos que esixía a súa remisión a un cardiólogo para que o sometese a unha proba de esforzo. 

Sede TSXG
Sede TSXG | Fonte: E.P. - Arquivo

Esta proba, continúan os maxistrados en base aos informes periciais, "podería confirmar ou descartar o diagnóstico de cardiopatía isquémica e, con iso, probablemente previr un posible infarto agudo de miocardio como o que sufriu o actor o 25 de xaneiro de 2019".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta