Por E.P. | OURENSE | 13/11/2023 | Actualizada ás 18:24
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, destacou a "impresionante" participación dos ourensáns nos actos do pasado fin de semana no San Martiño, celebracións que cualificou como "de ilusión".
Así, o rexedor valorou a resposta do público no Magosto organizado polo Concello, o pasado sábado, e tamén na carreira popular do domingo. Do mesmo xeito, desde o goberno local fixeron fincapé no cheo rexistrado no Auditorio para asistir ao espectáculo tributo a Mecano, e no Liceo, para o concerto do barítono Mykyta Burtsev.
Ademais, lembraron que o Campo da Feira volveu encherse un ano máis nunha nova edición da Festa da Chinita, promovida pola comunidade venezolana de Galicia.
Jácome subliñou que os verdadeiros protagonistas destes eventos festivos foron os cidadáns e confesou estar "cheo de alegría" pola gran participación nesta festividade local, e todo iso a pesar da choiva intermitente.
TREN DAS TERMAS
Por outra banda, o Concello de Ourense informou de que o chamado Tren das Termas non poderá circular, desde este luns e ata o sábado 18 de novembro, pola pista vermella que vai desde A Chavasqueira ata Outariz, debido a traballos de poda que está a realizar o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Deste xeito, este servizo de transportes seguirá operativo no resto do traxecto, finalizando na Chavasqueira, segundo comunicou ao Concello a empresa concesionaria, tras a reorganización do servizo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.