Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2023 | Actualizada ás 20:55
O Partido Popular de Galicia nomeou unha xestora provisional en Ourense encabezada polo presidente da Deputación ourensá, Luis Menor, que rexerá o PP ourensán ata a celebración do congreso provincial.
O Comité Executivo dos populares galegos deu luz verde á configuración do equipo directivo que se encargará do partido tras a renuncia de Manuel Baltar, presidente do PP ourensán desde o ano 2010, cando sucedeu ao seu pai José Luís Baltar.
A xestora está composta por 88 persoas, entre os que hai 32 membros natos entre representantes do PP nas Cortes, Parlamento, Deputación e Xunta. A eles, súmanse outras 47 persoas chegadas, segundo o PP, "da política local" e outros nove integrantes do Consello de Veteranos.
En declaracións recollidas nun comunicado, Menor manifestou que a lista de persoas foi elixida para "conseguir a máxima representatividade de toda a provincia, xuntando a experiencia con xente que nunca estivo na primeira liña política e procedentes dos máis diversos ámbitos de actividade".
Todo isto para, segundo Menor, "pór ao partido a pleno rendemento" para lograr "a quinta" maioría absoluta do PP e "a primeira" de Alfonso Rueda, quen, pola súa banda, enxalzou a transición no PP ourensán. "Onde moitos vían moitas dificultades, todo culminou con normalidade e xenerosidade", engadiu o presidente da Xunta e líder dos populares galegos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.