Por Galicia Confidencial | Allariz | 16/11/2023 | Actualizada ás 09:00
De maio a outubro o Festival Internacional de Xardíns de Allariz, único no estado, recibiu máis de 35.000 persoas e posiciónase como referente turístico e motor económico para a vila logo dos seus 13 anos de traxectoria. As cifras mostran, segundo sinalaba o tenente de alcalde, Bernardo Varela, “a consolidación do Festival co paso dos anos, establecendo a visita ao Festival como evento anual para moitas persoas que se achegan a visitar o recinto e Allariz”.
PREMIO DOS VISITANTES
Unha vez pechada esta edición, procedeuse ao reconto dos votos dos/as visitantes que ao acudir ao recinto tiveron a opción de elixir o xardín que máis lles gustou. “Xardín Informal”, do colombiano Julián Castañeda, obtivo o 19,10% das votos polo que se converte no gañador do Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2023 e permanecerá un ano máis no recinto do Festival.
Dende o Concello de Allariz descreben esta creación como segue: "Este xardín é un eloxio a todas estas persoas que medraron e saíron adiante desde a informalidade. Un xardín que suscita a materialidade dos asentamentos informais (Metal, Madeira, Cachotería, Cor), onde a creatividade e o vernáculo se xuntan para dar vida á vivenda de millóns de persoas en toda Latinoamérica. A partir de grandes materas verticais representa esta xeometría e arquitectura de montaña que tanto caracteriza as grandes metrópoles desta rexión".
O segundo lugar, foi para o xardín polaco “Plants of the world", de Katarzyna Wojdziak que acadou un 18,81€% dos votos.
E no terceiro posto, “A queima de Fuji-Hakone-Izu” dos madrileños Blanca Bargalló, Rodrigo Vale e Violeta Rodríguez, que cun 12,52% dos votos acadaron esta terceira posición.
PREPARANDO XA A EDICIÓN 2024
Continúa aberto o prazo de presentación de proxectos para a edición 2024 que leva por título "O xardín é unha obra de arte”. O prazo remata o vindeiro 30 de novembro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.