Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2023 | Actualizada ás 18:19
O BNG presentou iniciativas no Parlamento galego nas que urxe axudas ao sector do marisqueo pola caída da produción que está a sufrir cun aumento da mortaldade do produto nas últimas semanas. Expón datos como unha baixada do 69 % na produción de berberechos entre xaneiro e outubro de 2023 en comparación co mesmo período do ano anterior. Así mesmo, reclama que estableza un protocolo "estrito" para o baleirado de encoros.
Asegura que este baleirado incontrolado implica "baixadas bruscas da salinidade nas rías", "arrastre do banco marisqueiro cando se producen" en marea baixa e "perigo para as persoas que están mariscando tanto a pé como á boia", "por tanto consecuencias nefastas para os bancos marisqueiros e para as propias mariscadoras".
Censura a ausencia de axudas para boa parte do sector marisqueiro en "un momento tan duro para as confrarías" ante os "requisitos imposibles de cumprir" nos fondos da UE e debido á falta de liñas de subvencións específicas da Administración galega. "Os chamamentos das confrarías do sector marisqueiro a que a Administración leve a cabo estudos en profundidade sobre o que está a pasar nas rías veñen sendo reiterados desde hai anos e especialmente insistentes nos últimos", remarca a deputada nacionalista Rosana Pérez.
Por iso, esixe "analizar as causas da deterioración ambiental e da baixada da produtividade das rías galegas", así como "o control estrito das vertidos aos ríos e ao medio mariño, a recuperación dos bancos marisqueiros, a promoción das sementeiras, a creación dun seguro público de produción marisqueira que supla os efectos de eventuais perdas de produción, o control das especies invasoras e o control sanitario do marisco importado". Igualmente, solicita a revogación a autorización de verteduras ao río Pesqueira da mina de San Finx, na ría de Muros e Noia, tras coñecerse o resultado de investigacións do CSIC sobre a contaminación da conca fluvial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.