A Xunta asegura que as multas da nova Lei de benestar animal son "desproporcionadas"

Reclama ao Estado que revise e modifique "canto antes" o réxime sancionador.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2023 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

A Xunta reclama ao Estado que revise e modifique "canto antes" o réxime sancionador recollido na Lei estatal de protección dos dereitos e o benestar dos animais, que entrou en vigor o pasado 29 de setembro, ao asegurar que as multas son "desproporcionadas" e que a norma suscita "numerosas dúbidas, queixas e consultas na Comunidade relacionadas co seu alcance e a súa aplicación práctica". Nun comunicado, a Xunta explicou que así llo trasladou este martes a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aos técnicos do departamento de Dereitos dos Animais do Estado, cos que mantivo unha videoconferencia. 

A modo de exemplo, indicou que a sanción por ter un animal de compañía sen microchip é unha infracción grave, perseguida con 10.000 euros, mentres que polo mesmo motivo a lexislación sectorial galega establece unha multa de 500 euros. Ademais, lembrou que o marco normativo que regula en España a tenencia de animais potencialmente perigosos considera "moi grave" ser propietario dun can deste tipo sen contar coa perceptiva licenza, fixando unha sanción económica de 2.400 euros. Polo exposto, do Campo insistiu na importancia de "harmonizar" o réxime sancionador ao resto da normativa estatal e autonómica vixente, modulando os importes dos diferentes tipos de infraccións de forma que sexan "acordes e proporcionais" aos propios feitos que perseguen.

Un can sentado no chan.
Un can sentado no chan. | Fonte: A. Pérez Meca - Europa Press

CLUB DE RAZA CAN DE PALLEIRO

Así mesmo, Belén do Campo referiuse a a inquietude coa que foi recibida a norma por parte de determinados colectivos e entidades. En concreto, mencionou o caso do Club de Raza Can de Palleiro, que na asemblea celebrada o pasado fin de semana expuxo a súa preocupación polas posibles implicacións da lei no futuro desta raza autóctona.

Sobre este punto, dixo que as novas obrigacións relativas á inscrición no rexistro de criadores e de animais reprodutores (tamén no caso da cría non comercial e puntual) poderían ter un impacto negativo na evolución dos exemplares de can de palleiro, unha raza considerada en perigo de extinción e que, segundo a entidade, experimentou nos últimos meses unha tendencia descendente en canto a número de camadas e de nacementos, que temen que se agrave pola nova lei.

Respecto diso, a Xunta sinalou que os técnicos estatais, en todo caso, mostraron a súa disposición a fixar "excepcións" a determinadas obrigacións no caso das razas autóctonas e, de feito, indicaron que xa se manteñen contactos a nivel nacional con este sector. Ademais, comprometéronse a convocar novas reunións de traballo para aclarar e resolver as dúbidas expostas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta