O Álbum de Galicia recolle a biografía do investigador Xoán González-Millán

"O seu compromiso coa difusión da cultura galega nos ámbitos académicos internacionais foi incansable", subliñan Dores Vilavedra e Alejandro Alonso Nogueira,

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2023 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

O Álbum de Galicia incorporou a biografía do docente e investigador Xoán González Millán, responsable da renovación dos estudos literarios galegos no postfranquismo e cuxa traxectoria profesional se desenvolveu, fundamentalmente, na cidade de Nova York, desde onde articulou a Galicia da diáspora.

"O seu compromiso coa difusión da cultura galega nos ámbitos académicos internacionais foi incansable", subliñan Dores Vilavedra e Alejandro Alonso Nogueira, responsables da súa entrada na colección de biografías que ampara o Consello da Cultura Galega (CCG).

Nacido no Grove, Juan Francisco González-Millán, que reivindicou máis tarde o nome de Xoán ou Xan entre as persoas máis achegadas, licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade Pontificia Comiñas de Madrid en 1976. Nese ano, trasladouse aos Estados Unidos, onde cursou o doutoramento no Graduate Center baixo a dirección de Thomas Mermall e cun traballo titulado Proceso textual e desintegración narrativa na novelística de Álvaro Cunqueiro.

En 1990 integrouse como docente do Program in Hispanic and Luso-Brazilian Literatures and Languages e, ao ano seguinte, tras escoller a Real Academia Galega a Álvaro Cunqueiro como figura protagonista do Día dás Letras Galegas, escribiu dous manuais sobre o escritor.

Posteriormente, González-Millán centrou o seu campo de estudo na narrativa galega contemporánea e, en concreto, en cuestións vinculadas "á suposta condición periférica da literatura galega", explican os autores da súa biografía. Nela, chaman a atención sobre como Xoán González-Millán renovou os estudos galegos no posfranquismo, ata ese momento "moi ancorados nos modelos historicistas", a través da procura dunha "nova episteme desde a que ofrecer hipóteses interpretativas de carácter totalizador".

Desde a segunda metade dos anos noventa, os intereses de González-Millán derivaron cara á "análise da tensión dialéctica entre a cuestión nacional(ista), a articulación institucional da literatura e a dificultosa colocación desta na esfera pública galega", apuntan Vilavedra e Alonso Nogueira.

Presentación do Álbum de Galicia no Consello da Cultura Galega
Presentación do Álbum de Galicia no Consello da Cultura Galega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta