Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2023 | Actualizada ás 15:10
Os bombeiros comarcais en folga volveron a esixir o cesamento do director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, por ser "unha persoa que se estivo dedicando a dinamitar as pontes que se estaban construíndo coas diferentes deputacións e que resulta ser o nexo de común entre as entidades provinciais e a propia Xunta".
Nun comunicado este luns, o comité de folga insiste en reclamar a destitución de Villanueva pola súa "nefasta xestión" no conflito ao ser un "defensor do modelo de xestión privada dos servizos de extinción de incendios e salvamento". "A súa posición de interlocutor neste conflito está a distanciar as posturas, distorsionando a mensaxe, mentindo, dificultando e impedindo o diálogo entre as partes", censuran os representantes dos bombeiros.
Por mor da asemblea xeral de bombeiros celebrada o pasado 20 de novembro, onde acordaron recrudecer as súas protestas, xa se expuxo a demanda de que se aparte a Villanueva do seu cargo. Agora, expoñen que "o comezo da solución" pasa polo cesamento do director xeral de Emerxencias ao considerar que non é un interlocutor válido por non ver adecuada a información relativa á súa situación ante os "distintos líderes políticos".
"Está claro que aquí hai alguén que non está a trasladar a información como debese, e iso está a ter consecuencias", reflexiona o secretario do comité de folga, Honorino Raña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.