Galicientífica-Silvia Rodríguez:"Na informática é difícil non atopar traballo"

Actualmente realiza a súa tese cun contrato FPI do Ministerio no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS).

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 06/12/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A ‘Galicientífica’ desta semana chámase Silvia Rodríguez, é informática e traballa na área de arquitectura e tecnoloxía de computadores no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS). Obtivo un contrato FPI do Ministerio, co que está facendo a súa tese na actualidade. “Pode dicirse que tiven sorte porque a miña tese sempre estivo financiada aínda que soe absurdo que che paguen por traballar”, apunta.

Silvia Rodríguez no CITIUS
Silvia Rodríguez no CITIUS

Na súa tese trata de mellorar o rendemento computacional e enerxético de aplicacións utilizando computación heteroxénea, probando e analizando as distintas ferramentas que existen para implementar aplicacións multiplataforma. Entre as aplicacións coas que traballa atópase o procesamento de nubes de puntos LiDAR, no que o seu grupo de investigación está especializado.“Nos Tesla ou na Roomba hai sensores LiDAR que crean nubes de puntos, que nos procesamos, desenvolvendo algotirmos para distinguir o chan, a vexetación, etc”, cóntanos Silvia sobre o seu traballo. 

MULLERES E CIENCIA

Silvia traballa no ámbito da tecnoloxía onde asume que hai unha “disparidade importante” que se reflexa na cantidade de mulleres que se matriculan nun grao de Informática ou outro tipo de enxeñerías e nas que deciden facer mestrado ou quedarse na academia. “Se no caso dos homes xa son poucos, no caso das mulleres aínda máis”. 

E por que ocorre isto? Explica que hai dous enfoques. Por un lado, no Grao, os prexuízos ou ideas formadas sobre o que é ser informático. “Moita xente pensa nun home solitario vinculado ao mundo dos videoxogos”, apunta e fi que se cadra a algunhas mulleres lles bote para atrás estar “nun mundo tan masculinizado”. Por outro lado, na Academia asegura que hai un melón por abrir. “Acabas a tese máis con menos con 30 anos, estabilizarse aínda leva tempo e se queres formar unha familia ou ter unha casa…”, explica. Ademais aclara que a Academia é o “mundo da investigación e docencia en España”.

Sobre se hai o mesmo número de oportunidades no seu ámbito científico afirma que non hai diferenzas porque “sería un escándalo terrible” e que os contratos saen a convocatoria pública e se poñen “as cartas sobre a mesa”. Tamén fai fincapé nalgúns concursos de TFG ou TFM que se fan “entre mulleres” e destaca que ela “quere competir contra o todo o mundo sen distinción”. 

DIVULGACIÓN CIENTÍFICA

“O máis importante é explicar para que serve o que facemos, a súa utilidade”, puntualiza Silvia sobre a importancia da divulgación científica. Moitas das cousas que investigamos neste centro úsanse en apps do día a día, se falamos de IA (Intelixencia Dixital), o ChatGPT ou DEEPL tradutor”, explica e considera que a IA é unha ferramenta moi potente coas súas cousas boas e malas. Entre o negativo destaca que hai que “lexislar en torno a IA” poñendo de exemplo o seu uso na música. “Hai que ter en conta a privacidade, o copyright e hai que xestionalo”, resalta. 

PROFESIONAIS DA INFORMÁTICA SEN PARO

A nosa ‘Galicientífica’ cando lle preguntamos por estereotipos responde que se agora pensas en informáticos ou informáticas imaxínaste a alguén en Silicon Valley,  nunha persoa millonaria que fixo unha aplicación que lle deu moito diñeiro, tipo Mark Zuckerberg ou nunha persoa que non ten paro. “Aínda que esteamos especializados en informática ou computación, neste ámbito hai moita inserción laboral, é difícil non atopar traballo”, recoñece e engade que hai moita demanda. 

Permite a investigación neste ámbito vivir ben? “O da investigación é máis viable noutras titulacións que non teñen asegurado un futuro na empresa privada e apostan por esta opción”, di que ante isto contrapón que na informática xa se sabe “antes de rematar a carreira xa sabes que vas ter traballo”. Malia isto destaca que na privada duplican os soldos da investigación e máis cando son empresas estranxeiras con sede en España. “Como predoutoral en España, dependendo da cidade, malvives máis ben”, lamenta, pero tamén di que non é o caso de Santiago de Compostela, aínda que coa formación completa de grao ou enxeñería ou mestrado “se aspire a máis”. 

MÁIS INVERSIÓN

Silvia traballa no CITIUS do que destaca o gran ambiente entre compañeiros. “Coñecémonos ben, sabemos en que investigamos e cruzamos ideas”, explica. Ten un contrato do Ministerio que recolle unhas horas dedicadas á docencia por curso e no seu centro ten equipos e medios punteiros e novoa, así como a visión de múltiples profesionais e diferentes áreas: IA, área de supercomputación, arquitectura, análise técnica, linguaxe…

É suficiente a inversión desde as diferentes institucións? “É moi mellorable no que se refire a cantidade de contratos que se poderían sacar”, expón que a carreira da investigación supón facer grao, mestrado, doutoramento cinco anos para logo cobrar menos de 30000 ao ano cando “na industria cóbrase o dobre, non te metes nisto para gañar moitos cartos con 30 ou 35 anos”, sentenza. 

A informática defende que se faga por progresar cientificamente e evitar que o coñecemento se marche fóra. “Cando rematas a tese descobres que isto non era o difícil senón o que vén”. Con este panorama preguntámoslle por que optou por esa vía? “Se sigo unha vez lea a tese será por vocación, salvo que precise os cartos por algunha desgraza”, recoñece que a vocación é case imprescindible para poder xestionar a frustración. “Gústanos, pero sendo realistas, a maior parte do tempo andas dando coa cabeza contra a parede ata que sae a idea, así está o patio!”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Desde Praga con Amor

Desculpade pero o artigo xenera algo de confusión. Para entrar na citada "Academia" tes que estudar Enxeñería en informática, para ser informático podes estudar un ciclo superior ou medio. Non confundamos os rapaces. Por certo, os salarios son variables depende do que fagas, para que empresas o fagas. Na privada traballase a reo e hai bastante presión. Por non decir que o mundo da tecnoloxía vai moi rápido, aparecen ferramentas e sistemas novos a unha velocidade imposible de seguir. A derradeira, no estado español o salarios son a metade dos de Europa Central ou UK. Apertas

1 Gamela

Dá gusto ver que o GC ten lectores na República Checa...! Por comentar algo que non me gusta nada na entrevista, qué opinión ten o noso Informático en Praga ? // cando dí que a vocación é case imprescindible para poder xestionar a frustración // paréceme incríble que o matrato aos investigadores e a racanería á hora de pagar investigación/traballo teñamos que xustificala coa palabra VOCACIÓN ! Ter vocación en calquera caso deberase pagar o doble, ou se non traballar gratis... Pero non vexo eu a vocación por ningures neste negociado !!! Qué opinas do asunto ? Saúdos nun día chuvioso e ventoso ! En Praga está nevando ? Obrigado...

2 Para comer Praga

Dende Bohemia e Moravia opinamos que a Vocación, a Ilusión, o bo ambiente, a froita gratis, os futbolíns, as máquinas arcade, os sofas e o mindfulness non pagan as facturas pero que lle pregunte o xefe do Citius, do Citic ou do Gradiant que de seguro saben máis ca un bohemio coma min de como se pagan as facturas do Cesga. Temos propaganda de máis do hiperventilado sector TIC - opino.