Os primeiros polígonos agroforestais comezarán a funcionar en 2024: Oímbra e Cualedro

O próximo ano tamén comezarán as primeiras agrupacións de xestión conxunta e darán un impulso importante ás permutas de especial interese agrario, que facilitan o incremento dos predios. Poranse en marcha as obras de restauración dos pilotos de castiñeiras en Parada de Sil, O Bolo, A Veiga, O Incio e Paradela.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 29/11/2023 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

A Xunta ao longo do 2024 porá en funcionamento os primeiros polígonos agroforestais, agrupacións de xestión conxunta e espazos agrarios de experimentación dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Ademais, segundo informou o Executivo autonómico, fomentará permutas de especial interese agrario e profundará no desenvolvemento dos proxectos de aldeas modelo.

Estas figuras teñen un carácter dinamizador do territorio e innovar para a súa posta en marcha e desenvolvemento capta fondos europeos destinados á innovación e cooperación e orientados á dixitalización, a rastrexabilidade e valoración dos produtos agroalimentarios ou a mellora enerxética, entre outros aspectos.

Isto suporán un investimento de máis de 10,5 millóns de euros por parte do Executivo galego, dos que máis da metade destinaranos á execución de polígonos e aldeas modelo. Así o anunciou este mércores o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura dunha xornada sobre esta materia celebrada na localidade ourensá de Boborás.

O conselleiro avanzou que o próximo ano licitarán os primeiros polígonos agroforestais de Galicia, buscando mobilizar terra nun período de non máis de tres anos desde que se decreten. Isto supón que se ofertarán as terras en aluguer ou en venda aos produtores interesados sempre, engadiu o conselleiro, con máximo respecto ao territorio e aos seus elementos. Os primeiros serán os polígonos de Oímbra e Cualedro, ambos en Ourense.

AGRUPACIÓNS DE XESTIÓN CONXUNTA

O próximo ano tamén comezarán as primeiras agrupacións de xestión conxunta e darán un impulso importante ás permutas de especial interese agrario, que facilitan o incremento dos predios. Este tipo de agrupacións de xestión conxunta favorecerán, segundo explicou González, o desenvolvemento do programa de recuperación de castiñeiras tradicionais, que tamén contribuirán a mobilizar terras. Así, destacou que porán en marcha as obras de restauración dos pilotos de castiñeiras en Parada de Sil, O Bolo, A Veiga, O Incio e Paradela.

ALDEAS MODELO

En relación coas aldeas modelo, xa finalizaron os proxectos de ordenación produtiva destas figuras e o próximo ano estarán en funcionamento a totalidade das 21 declaradas ata o momento. Ademais, continuarán cos pilotos dos plans de dinamización dos núcleos de Trascastro (O Inicio), Osmo (Cenlle), O Penedo (Boborás) e Muimenta (Carballeda de Avia).

A maiores, o conselleiro anunciou a posta en marcha dos primeiros espazos agrarios de experimentación de Galicia, empezando pola aldea de Muimenta. Finalmente, o conselleiro reiterou a demanda ao Goberno Central para que poña en marcha unha lei que "discrimine positivamente", desde o punto de vista fiscal, a todos os agricultores, gandeiros e silvicultores que coa súa xestión do territorio contribúe a defendelo fronte aos incendios forestais.

Tarefas de roza nun polígono agroforestal en Ourense
Tarefas de roza nun polígono agroforestal en Ourense | Fonte: E.P. - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta