Por E.P. | VIGO | 30/11/2023 | Actualizada ás 11:20
Dous tripulantes do arrastero vigués 'Lodairo', da pesqueira Áncora, foron evacuados en helicóptero a un hospital tras sufrir un accidente a bordo, segundo confirmaron fontes de Salvamento Marítimo.
O buque contactou co Centro Radio Médico para informar do ocorrido na madrugada do xoves e, á primeira hora da mañá confirmouse a evacuación en helicóptero dos dous feridos, tripulantes galegos, xestionada polo Centro Nacional de Coordinación de Salvamento en cooperación co centro Stornoway MRCC.
O accidente produciuse cando o barco, que ten porto base en Vigo, estaba a faenar a unhas 100 millas ao Noroeste das costas de Escocia. Fontes da armadora confirmaron a Europa Press esta evacuación e que os dous tripulantes están a ser atendidos no hospital Western Isles de Escocia. As súas familias atópanse viaxando cara alí.
O 'Lodairo', cuxa última escala foi en Holanda, atopábase capturando bacaladilla, con 34 tripulantes a bordo. Polo momento, Áncora explicou que a 'marea' se mantén en suspenso á espera de coñecer a evolución dos dous accidentados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.