CIG, STEG e CSIF piden reunirse co conselleiro de Educación para "negociar melloras reais"

Censura que "a única resposta" de Rodríguez ás protestas é a acuasión de que os sindicatos non asinantes querían montar "lea"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2023 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

As organizacións sindicais CIG, STEG e CIG remitiron unha solicitude por escrito ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, para a celebración dunha reunión na que "negociar melloras reais" que entenden que non están recollidas no convenio asinado pola Xunta, CC.OO. e UXT.

Nun comunicado conxunto, o tres organizacións convocantes das dúas folgas rexistradas no último mes e medio e as protestas contra o acordo cren que Educación debe "escoitar" a "a maioría" do profesorado que saíu ás rúas para pedir unha nova negociación.

Tras apelar á "responsabilidade" das centrais "minoritarias" que asinaron o convenio --como se refiren a Comisións e UXT despois de lembrar que CIG, STEG e CSIF concentraron o 60% da representación nas eleccións sindicais de hai un ano--, celebraron o "enorme compromiso e dignidade" do profesorado pola súa participación nas folgas e as manifestacións das últimas semanas. Afirman que "todas" estas protestas foron "máis numerosas que a celebrada fai catro anos no marco dunha xornada de folga unitaria pola recuperación horaria e mesmo que as que tiveron lugar no ano 2011 fronte ás políticas de recortes do goberno de Feijóo".

Así, valoran a "unidade" do profesorado contra o convenio "asinado con aleivosía" a pesar de "os claros intentos de dividilo", á vez que cualifican de "impropias" as declaracións de Román Rodríguez nas que, en resposta a unha pregunta parlamentaria, acusou á CIG e o BNG de oporse ao convenio para formar "lea".

Nesa mesma intervención plenaria, o conselleiro descartou reabrir as negociacións porque suporía "faltarlle ao respecto" ás organizacións asinantes, o que para CIG, STEG e CSIF é "un desprezo cara a unha ampla maioría do profesorado que ve frustradas as súas expectativas de recuperar dereitos arrebatados como os horarios lectivos ou avanzar en condicións e prazos asumibles en aspectos tan fundamentais como a redución dos cocientes ou da burocracia". Así pois, inciden en que "non dan nin darán por pechada a posibilidade de negociar" e para iso insisten en que cederon nas súas demandas iniciais para presentar unha proposta "perfectamente factible tanto a nivel orzamentario como temporal".

Inicio da manifestación de profesorado convocada polos sindicatos CIG, STEG e CSIF.
Inicio da manifestación de profesorado convocada polos sindicatos CIG, STEG e CSIF. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta