Caída das hospitalizacións entre bebés tras os primeiros datos da vacinación contra o VRS en Galicia

O Sergas pechará este sábado os 'vacunódromos' e a dobre inmunización gripe-covid continuará en centros de saúde e hospitais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2023 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

Os primeiros datos publicados desde o inicio da vacinación contra o virus respiratorio sincitial (VRS) en Galicia, o pasado 25 de setembro, apuntan a unha importante caída das hospitalizacións entre os bebés por este patóxeno que causa enfermidades como a bronquiolite.

Segundo un informe dado a coñecer este luns pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, consultado por Europa Press, na actual tempada de VRS 2023/24 diminuíron os ingresos en todos os grupos de bebés estudados en comparación con todas as tempadas desde 2017, fóra das 2020/21 e 2021/22, que coincidiron co groso da pandemia da covid-19.

Esta campaña de vacinación con Nirsevimab, iniciada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) en España por primeira vez, chegou a un total de 8.909 nenos desde o 25 de setembro e ata o 26 de novembro --semana 47 do ano--, data de corte do informe de Saúde Pública. A participación, por tanto, situouse no 86% da poboación diana.

Un bebé sendo inmunizado este venres / XUNTA / Europa Press
Un bebé sendo inmunizado este venres / XUNTA / Europa Press

O SÁBADO PECHAN Os VACUNÓDROMOS

Así mesmo, o Sergas informou nun comunicado de que este sábado, 9 de decembro, pecharase a dobre campaña de vacinación gripe-covid nos recintos masivos, coñecidos como 'vacunódromos'. Estes 13 espazos, insignia da vacinación contra o coronavirus en Galicia, volveron abrir o 26 de outubro para citar a pacientes de entre 65 e 79 anos. Tras o seu peche, a campaña de inmunización continuará en hospitais e centros de saúde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta