Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2023 | Actualizada ás 21:09
O conselleiro do Mar da Xunta, Alfonso Villares, reuniuse este luns co embaixador de Mozambique en España, Eugénio Agostinho Langa, para facer balance de diferentes proxectos de cooperación dos últimos anos e valorar posibles novas vías de colaboración no ámbito pesqueiro.
Villares reivindicou iniciativas desenvolvidas grazas as cales se puido crear unha piscifactoría, potenciouse o desenvolvemento da pesca sustentable a pequena escala e o reforzo das capacidades para mellorar o control de calidade dos produtos de pesca, así como a produción de algas na rexión mozambicana de Cabo Delgado.
No ámbito formativo, segundo informa a Xunta, está o programa para o reforzo das capacidades profesionais do sector marítimo pesqueiro a través dunha alianza entre a Axencia Española de Cooperación (Aecid), a Consellería do Mar, o Ministerio do Mar, Augas Interiores e Pesca de Mozambique e o Grupo Nova Pescanova.
Precisamente, neste proxecto, o Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico (IPMA) traballa coa Escola de Pesca de Matola no desenvolvemento de accións dirixidas a reforzar as capacidades formativas e técnicas do persoal docente e a apoiar o deseño e implantación de cursos de formación regulados e de curta duración.
Neste contexto, o conselleiro do Mar destacou que o Grupo Nueva Pescanova, a través da súa filial Pescamar, leva varias décadas operando coa creación de máis de 1.000 empregos directos na economía local.
Así mesmo, actualmente e tras colaborar en iniciativas pasadas, o Centro Cetnolóxico do Mar (Cetmar) de Vigo e a Fundación Axuda en Acción desenvolven o proxecto 'Peixan-Mz' para mellorar os medios de vida e a seguridade alimentaria da poboación mediante o fortalecemento das cadeas de valor da pesca e a acuicultura no distrito de Namaacha, na provincia de Maputo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.