Pararmos os desafiuzamentos

A Constitución non recoñeceu un dereito subxectivo á vivenda, senón que converteu a provisión de vivenda digna nun dos principios reitores das políticas sociais e económicas, só reclamábel en función das leis que regulasen estas políticas. A recesión multiplicou os casos de desafiuzamentos de vivendas, quer por execucións hipotecarias, quer pola falla de pagamento dos alugueiros. E o PP, gobernante na altura na Xunta, no Estado e en moitos concellos amosouse absolutamente desleixado cara estes problemas.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 05/07/2015

Comparte esta noticia
No que atinxe ás execucións hipotecarias, a lei procesual civil impedía cuestionar dentro do procedemento executivo a legalidade da débeda, nomeadamente as cláusulas abusivas dos xuros convencionais ou de demora e da taxación unilateralmente imposta pola entidade bancaria. E a solución chegou do Tribunal da Unión Europea, malia que Rajoy traspuxo a norma ao seu xeito canto a prazos.
 
Nesta caste de desafiuzamentos imponse a tutela xudicial. Mais compre distinguirmos, neste ámbito , estes desaloxos dos xerados pola falla de pagamento dos alugueiros. No último caso (agás algunhas excepcións) semella que non se lle pode facer apandar indefinidamente aos propietarios coas consecuencias desta falla de pagamento. Mais tamén compre derrogar a normativa que impide  parar o despexo pagando a débeda pendente ás persoas que xa o fixeran no pasado. E compre que os Xulgados dean conta ás Oficinas municipais de servizos sociais da admisión de toda  demanda desta caste tan logo como se produza.
 
O que si precisa  unha resposta unificada a ambos os dous tipos de desafiuzamento é a garantía do dereito a unha vivenda digna. Garantía que requirirá da intensa coordinación entre os concellos, competentes na asistencia social primaria, e a Xunta,  competente na política de vivenda. Da Xunta habían vir solucións como un parque de vivendas para alugueiros sociais que merecese este nome e todas as medidas posíbeis para pór o meirande número de vivendas baleiras ao dispór das persoas en risco de perda da súa vivenda.
 
É indubidábel que as novas maiorías gobernantes nos principais concellos galegos asumen esta prioridade. Mais, que dicir da Xunta? Será quén de traballar mán a mán cos gobernos municipais doutra cor política? Coñecendo ao PP e a Feijóo compre dubidalo, máis aló de quitar a foto.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.