Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 05/12/2023 | Actualizada ás 18:06
A Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Ourense, no marco da Operación Filium, detivo a sete persoas como presuntos autores de 57 delitos agravados de furto de cable, pertenza a un grupo criminal, un delito de roubo con forza en vivendas, un delito contra a saúde pública por tráfico de drogas e outro por tenencia ilícita de armas e depósito de municións. Os detidos, catro de nacionalidade española e tres portugueses, teñen entre 21 e 50 anos e son veciños de Xinzo de Limia e Verín; algúns con lazos familiares entre eles.
A operación terminou o pasado 25 de novembro, tras un ano de investigación, coas detencións e con cinco rexistros efectuados nos domicilios dos detidos, situados en Xinzo de Limia e Verín. Neles interviñeron 0,5 toneladas de cobre de tendido eléctrico, ferramentas utilizadas para a comisión dos roubos como serras ou cizallas, 22.500 euros en efectivo, unha báscula de pesada, 270 gramos de marihuana, 67 gramos de haxix, unha báscula de precisión, útiles para a distribución polo miúdo de sustancias estupefacientes, un bolígrafo pistola do calibre 22-unha arma prohibida-, cartuchos de calibre 22 e diversa documentación e vestimenta relacionada cos ilícitos penais investigados.
Así o explicou o comandante e xefe interino da Comandancia de Ourense, Rafael Berguillo, subliñando que "a banda" se dedicaba ao roubo de cobre "en cantidades de gran envergadura" e que "se jerarquizaban" en "dúas células" con funcións concretas e diferenciadas, con dous modus operandi. En concreto, un dos grupos operaba cortando o poste de madeira que suxeita o cobre, mentres que a outra parte directamente cortaba o cable tensor. Ademais, Berguillo explicou que, do sete detidos, seis homes e unha muller, catro deles están privados de liberdade por resolución xudicial e varios contan con antecedentes previos.
Ademais, hai "outros datos de igual interese", xa que o roubo do cobre supuxo para a poboación "importantes consecuencias", con máis de 96.000 fogares que, "polo menos durante un día non tiveron Internet ou teléfono". Así mesmo, tamén afectou a varios centros de saúde da comarca de Monterrey e a unha oficina de Correos.
MODUS OPERANDI
No modus operandi profundou o capitán xefe da oficina da Unidade Orgánica da Policía Xudicial da Garda Civil de Ourense, Juan José López Castro, sinalando que unha das células cortaba o cable tensor a través dunha corda cun gancho. A esta atribúenselle 27 delitos de furto de cobre, que serían 8 quilómetros, e unha cantidade subtraída de 180.000 euros.
Á segunda célula, a que cortaba directamente o poste de madeira que suxeitaban os cables do tendido, atribúenlle 30 feitos delituosos de furto de cobre e unha afectación de 346.000 euros con máis de 11 quilómetros de liña de cobre rodada. Segundo a Garda Civil un dos sete detidos era intermediario e ao mesmo tempo receptor, a súa función era levar o cobre subtraído a diferentes lugares de residuos sólidos da provincia.
Pola súa banda, o comandante da unidade técnica da Policía Xudicial quixo destacar que esta operación "pode ser das máis importantes dentro do marco anual de loita contra roubo de cobre" e "dentro do marco de Europol". Apuntou que a nivel de coordinación "foi moi potente" entre Ourense e Portugal, xa que o intercambio de información "foi fundamental para as detencións que se fixeron".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.