O PSdeG esixe á Xunta que a sociedade creada para xestionar recursos naturais sexa "unha empresa de capital público"

"Desde a Xunta dise que esta é unha colaboración ou unha empresa publico-privada. Non, é mentira, é unha empresa privada con capital público que vai xestionar os recursos dos galegos. Os socialistas ímonos a opor a iso", sinalou o eurodeputado socialista Nicolás González Casares.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2023 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares esixiu á Xunta que a sociedade creada para xestionar recursos naturais e os aproveitamentos de enerxía renovable en Galicia sexa "unha empresa de capital público" e non como a iniciativa presentada polo Goberno galego que, na súa opinión, foi feita "con présas e correndo, con improvisación e sen ningún tipo de planificación".

"Desde a Xunta dise que esta é unha colaboración ou unha empresa publico-privada. Non, é mentira, é unha empresa privada con capital público que vai xestionar os recursos dos galegos. Os socialistas ímonos a opor a iso", sinalou nun audio difundido aos medios. González Casares recoñece que Alfonso Rueda "herdou un desastre organizativo de Feijóo" en canto aos recursos naturais, que se ve reflectido na "planificación eólica". Con todo, considera que Rueda non pode "escapar correndo" e "improvisar" para presentarse ante os galegos nas próximas eleccións autonómicas como "un xestor de recursos".

Así, sinalou que o PSdeG "ten claro" cal é a solución: "unha empresa pública galega que xestione eses recursos, tamén en colaboración coas empresas privadas do país ou cos investidores que queiran vir a Galicia, pero o mando ten que ser do Goberno de Galicia". Un goberno que, para o eurodeputado socialista, nos próximos meses "estará da man de Besteiro". "Sabemos que os socialistas imos defender que o noso vento, a nosa luz e a nosa auga produzan para os galegos", resolveu.

O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares; o candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nun acto en Santiago
O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares; o candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nun acto en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta