Pontón propón contratar a cen profesionais de psicoloxía para mellorar a asistencia á saúde mental en Primaria

Avisa de que os recursos "están baixo mínimos": "Quen pode pagar, ten atención, e quen non, o único que recibe son antidepresivos"

Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/03/2025 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

A portavoz nacionalista do BNG, Ana Pontón, denunciou a situación "moito máis que preocupante" da atención á saúde mental no Servizo Galego de Saúde (Sergas), cos recursos asistenciais específicos para este tipo de enfermidades "están baixo mínimos". Por iso, propuxo a contratación de cen profesionais de psicoloxía para mellorar a asistencia.

"O que está a pasar é que quen ten problemas de saúde mental e pode pagar, recibe atención, e quen non pode pagar o único que recibe é unha caixa de antidepresivos", sostivo este venres nunha rolda de prensa ofrecida tras reunirse con especialistas do Colexio Oficial de Psicoloxía e do Movemento Galego de Saúde Mental. Pontón reclamou a Rueda que pase de "a política de anuncios aos feitos" porque, dixo, os datos sobre os problemas de saúde mental na poboación galega "son alarmantes".

Así, citou un estudo da Consellería de Sanidade para sinalar que unha de cada cinco persoas sofre un problema deste tipo ao longo da súa vida e que Galicia rexistra a maior taxa de suicidios do Estado, un 12,25% por cada mil habitantes fronte ao 7,79%. Ademais, indicou que o informe do Imelga reflicte que máis de 300 persoas quitáronse a vida en 2023, o último ano computado.

"É urxente que se tomen medidas", apuntou para urxir a contratación de profesionais especialistas na sanidade pública galega, onde os servizos de psiquiatría acumulan unha lista de espera de case 11.000 persoas e onde a poboación neste momento non ten garantido o seu dereito a ter unha atención á saúde mental. "Isto o que provoca é que se cronifiquen os problemas", alertou.

É por iso que, como medida máis urxente, reclamou a contratación nesta lexislatura de "como mínimo" cen profesionais da psicoloxía para completar a carteira de servizos na Atención Primaria. "É unha medida perfectamente asumible porque estamos a falar de cinco millóns de euros", afirmou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese con especialistas do Colexio Oficial de Psicoloxía e do Movemento Galego de Saúde Mental. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese con especialistas do Colexio Oficial de Psicoloxía e do Movemento Galego de Saúde Mental. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta