Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 17/12/2023 | Actualizada ás 12:00
Naqueles casos en que queremos expresar que unha persoa debe mirar antes polo seu ben ca polo dos outros, por moi achegados ou amigos que estes sexan, en castelán non é raro escoitar o fraseoloxismo primero son mis dientes que mis parientes.
Vexamos algunhas secuencias expresivas equivalentes que temos en galego:
Primero son mis dientes que mis parientes
Más cerca están mis dientes que mis parientes
{= Refráns con que se expresa que unha persoa debe mirar antes por si ca polos outros, por moi achegados ou amigos que estes sexan.}
Primeiro Deus e despois os santos
Primeiro é Deus e despois son os santos
Antes é Deus cós santos
Ex.: —A ver si me puedes ayudar aquí un momento, que no logro matricularme en línea para el cursillo de la Escola Galega de Administración Pública. —¡Espera un poco, tía, que también estoy yo con ese tema, y primero son mis dientes que mis parientes!
—A ver se me podes axudar aquí un momento, que non son quen de me matricular en liña para o curso da Escola Galega de Administración Pública. —¡Agarda un pouco, miña, que tamén estou eu con ese tema, e primeiro Deus e despois os santos ‡ e primeiro é Deus e despois son os santos ‡ e antes é Deus cós santos!
● Tamén:
Antes son os meus dentes cós meus parentes && Primeiro os dentes cós parentes && Primeiro dentes, despois parentes && Primeiro son os meus dentes cós meus parentes && Están máis cerca os (meus) dentes cós (meus) parentes && Antes quero ter para os meus dentes ca para os meus parentes && Máis quero ter para os meus dentes ca para os meus parentes
● Tamén, se cadra máis asociado a ámbitos de uso coloquiais e familiares:
Primeiro eu e despois a nai que me pareu
● Incluso tamén, nunha liña parecida e en contextos de familiaridade ou coloquiais, indicando que, postos a elixir, un ten que mirar primeiro por aproveitarse el mesmo de algo antes de que se aproveite o resto, ou incluso indicando que, de vir un mal, mellor que lle veña ós outros ca a un mesmo:
Morrer por morrer, que morra meu pai, que é máis vello && De morrer, que morra (o) meu pai, que é máis vello
Ex.: — Así que al final cogiste tú el trabajo. —Pues sí. A lo mejor no me hace tanta falta como a otros, pero primero son mis dientes que mis parientes.
— Así que ó final colliches ti o traballo. —Pois si. Se cadra non me facía tanta falla coma a outros, pero primeiro Deus e despois os santos ‡ pero morrer por morrer, que morra meu pai, que é máis vello ‡ pero de morrer, que morra meu pai, que é máis vello.
NOTAS:
1. Tanto os tres primeiros fraseoloxismos galegos coma os reflectidos nos dous primeiros “Tamén” presentan un ámbito de uso máis amplo có sinalado na “definición”, na medida en dan conta así mesmo daqueles casos en que se pretende manifestar que hai que atender primeiro ó ben ou necesidades dos máis achegados ca ó das persoas coas que se ten unha menor relación.
Neste sentido, serían fraseoloxismos equivalentes os seguintes:
Más cerca está la camisa (de la carne) que el jubón
Más cerca está la camisa que el sayo
Más cerca está la rodilla que la pantorrilla
{= Refráns con que se pretende manifestar que hai que atender primeiro ó ben ou necesidades dos máis achegados ca ó das persoas coas que se ten unha menor relación.}
(Seguir # Facer) A doutrina de san Mateu: primeiro son os meus
Xa o dixo san Mateu: primeiro os meus cós teus
Esmolou san Mateu e esmolou para os seus
Celou san Mateu: o primeiro para os seus
2. Como se pode apreciar, no fraseoloxismo primeiro eu e despois a nai que me pareu (tirado do traballo “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”) respectamos a forma verbal dialectal pareu a fin de manter a rima.
3. Na secuencia celou san Mateu: o primeiro para os seus, o verbo celar presenta o significado de “meter no celeiro”.
4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús (dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.
- Garrido Palacios, Manuel: “Los 400 refranes recogidos en la aldea de Fonfría (Lugo)”. Tirado do url http://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/los-400-refranes-recogidos-en-la-aldea-de-fonfria-lugo/html/
- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.