Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2023 | Actualizada ás 17:33
O acordo alcanzado entre a dirección de Hijos de Rivera cos traballadores delimita un prazo mínimo de oito semanas para comunicar as quendas aos empregados, período que a empresa se compromete a incrementar a 12 semanas a partir de marzo. Así o recolle o acordo subscrito entre a dirección e sindicatos, segundo trasladou este mércores a CIG, que valora "moi positivamente" este pacto ao considerar que "avanza nos dereitos de conciliación" dos traballadores.
A central nacionalista, que convocara unha concentración para este martes finalmente desconvocada tras selarse o pacto, incidiu en que ata o momento a empresa "impuña" as quendas ou os períodos vacacionais "imposibilitando en moitas ocasións que o persoal puidera atender os seus deberes familiares".
O acordo inclúe, ademais dos compromisos para fixar o calendario por adiantado, a apertura de vías de comunicación co comité para negociar cos traballadores, que poderán solicitar o seu grupo de traballo de preferencia, petición que a empresa valorará nun prazo de quince días. Tamén establece que "se buscarán fórmulas para que haxa un grupo sen quenda nocturna" e que o persoal que non queira traballar de noite teña a opción de acollerse a isto para "facilitarlle a conciliación".
Os preavisos pasarán a cubrirse de maneira común con persoal voluntario en lugar de ser obrigatorios como ata agora e crearán un novo sistema de distribución de vacacións para que o persoal poida gozalas no verán "cando menos en anos alternos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.