Por Europa Press / Redacción | FERROL | 14/12/2023 | Actualizada ás 15:16
O videoxogo 'Avy, Fábulas da Noite', realizado como traballo de final de máster (TFM) que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, conseguiu o premio ao Xogo con Mellor Arte na X edición de Premios iokool PlayStation Talents, que promove Sony Interactive Entertainment España.
O acto de entrega da distinción foi este martes nos Cinemas Callao de Madrid. Ademais, puido seguirse en directo a través da canle de Twitch de PlayStation España. Alicia Puentes, Diego Pérez, George Neighbour, Mónica García, Juan García e Sergio García (integrantes de Gamespond) son os alumnos que crearon a Avy, unha nena que viaxa a unha illa de fantasía e pesadelos repleta de xoguetes, e que recibiron o galardón da man do director xeral da Asociación Española de Videoxogos.
O xogo, que foi creado por alumnos do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos do campus da UDC en Ferrol, tamén fora nomeado ao premio á Mellor Historia Orixinal, ao Mellor Xogo para Prensa e á Mención Especial Compromiso PlayStation.
OUTROS PREMIOS
Así mesmo, neste ano 'Avy, Fábulas da Noite' xa conseguiu o premio a Mellor Xogo Cozy na IndieDevDay de Barcelona, ademais do premio especial de Crítica e o premio ao xogo con Mellor Arte no Kokoro Japan Expo de Vigo. No 2022, o videoxogo foi finalista na categoría ao Mellor Xogo Cozy na Guerrilla Game Festival de Madrid e gañou o premio de Prata na Sección Indie no Videojugando que se celebrou en Soutomaior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.