Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/12/2023 | Actualizada ás 16:49
A obra "Economía e Poesía: rimas internas", de Yolanda Castaño, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2023, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e será publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano. O xurado destacou neste ensaio a súa capacidade para abrir un debate sobre a profesionalización do mundo cultural e a necesidade de dignificar as e os traballadores da palabra en xeral, e da poesía, en particular, con remuneracións acordes ao valor e importancia do seu traballo.
"Defensor de posicións fondamente polémicas, este ensaio critica procederes dos distintos axentes do sistema cultural tendentes á desprofesionalización do oficio autorial e á minusvalorización das súas achegas", indican os membros do xurado. Destacan que a obra establece un diálogo complexo, cheo de luces e sombras, que interpela a colectivos, institucións, artistas e profesionais incidindo na aposta polo xusto pagamento aos labores do oficio de poeta alén das concesións militantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.