Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/12/2023 | Actualizada ás 12:16
A Asociación Galico Árabe Jenin, BDS Galiza, Mar de Lumes e Galiza por Palestina convocan á sociedade galega a unha manifestación nacional este domingo 17 de decembro desde a Alameda de Compostela, baixo o lema “Paremos o Xenocidio. Galiza con Palestina”.
"O exemplo de activismo e solidariedade internacionalista na Galiza non ten igual, son xa máis de 160 concentracións nestas nove semanas con convocatorias en máis de 20 localidades galegas cada luns desde o 9 de Outubro", indican os organizadores nun comunicado. Desta vez, trátase dunha manifestación unitaria en Compostela para esixir ao goberno español e á Unión Europea unha implicación real e decisións firmes para "parar o exterminio do pobo palestino".
"O reconto diario de horrores é tal que non poden deixarnos insensibles as novas de máis escolas bombardeadas, hospitais asediados, civís secuestrados e torturados e xornalistas asasinados. Uns crimes que afirmamos son un xenocidio e non unha guerra e moito menos unha guerra entre iguais", aseguran.
Para esta gran manifestación haberá servizos de autobuses desde A Coruña
Bus con saída ás 10:15 desde o Campo da Leña (Praza de España); Ferrolm desde a Praza de Galicia; Vigo,que sairá ás 9.45 horas na parada bus subida a Nigrán da Ramallosa e parará en Vigo no Local da CIG e en Chapelam na baixada antes da entrada da AP-9; Lugo, diante da estación do Tren; Ourense, no Pavillón dos Remedios e rotonda de Cea; Pontevedra, dende o pavillón ás 10:30 e Cambados, diante do Concello ás 10:30 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.