Campaña do BNG en Ourense para apoiar o comercio local

A deputada nacionalista Noa Presas, manifestou que a súa formación defende o consumo e a aposta polos produtos galegos "como unha prioridade na política económica, na comercialización e mesmo na comunicación da Xunta de Galicia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2023 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

A deputada nacionalista Noa Presas, acompañada polo tamén deputado Iago Tavarés, e polo grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, presentou este venres na cidade das Burgas unha campaña do Bloque Nacionalista Galego de apoio ao comercio local.

Nun acto na Praza de Abastos, Presas fixo fincapé en que apoiar ao comercio local "é unha das mellores maneiras de xerar riqueza para a provincia e para Galicia", así como de "humanizar as cidades e impedir a desertización dos concellos".

Neste sentido, manifestou que a súa formación defende o consumo e a aposta polos produtos galegos "como unha prioridade na política económica, na comercialización e mesmo na comunicación da Xunta de Galicia".

"Queremos animar aos ourensáns a que aproveiten estas datas para acudir ao comercio local para a súa dinamización e para o seu fomento", indicou antes de asegurar que a campaña do seu partido "fai o que lle correspondería facer ao Goberno galego", e indicar que impulsan a campaña nestas datas porquoe "se incrementa notablemente o consumo" e porque "coincide coa peor crise da historia do comercio local".

Na súa comparecencia, Presas sinalou que os datos son "absolutamente demoledores" e que Galicia "sofre unha crise de prezo moito máis perentorio que o resto do Estado" polo que "é necesario un apoio extra ao sector".

No caso concreto de Ourense pormenorizou que, segundo os últimos datos do INE, nun só ano destruíronse máis de 1.500 pequenas empresas e, "se avaliamos os datos dos últimos 14 anos de goberno do PP á fronte da Xunta, as cifras son aínda máis arrepiantes", xa que só en Ourense "destruíronse 5.400 postos de traballo de emprego autónomo".

Neste sentido, a nacionalista criticou que o orzamento previsto para o 2024 na Xunta de Galicia, no que a comercio local refírese, é catro millóns de euros menor que o que había en 2009, asegurando que "nos últimos anos deixaron de investir ao redor de 239 millóns de euros".

Así pois, a súa formación apela a un cambio de modelo e comprométese a impulsar "medidas activas" como un Plan de Dinamización específico para a modernización, un plan para garantir a substitución xeracional, "que é un dos principais problemas que ten que enfrontar o pequeno comercio", e un plan de choque ante o incremento dos custos financeiros.

"Son tres medidas trasladadas ao Parlamento Galego e vetadas ata o momento polo Partido Popular", esgrimiu Presas, sinalando que, aínda así, insistirán a próxima semana "porque este é o momento de rescatar o comercio local de Ourense e do resto do país".

A campaña terá continuidade nos próximos días con visitas a diferentes zonas da cidade, co obxectivo de animar aos veciños a apostar polo comercio local e de proximidade.

A deputada económica do Grupo do BNG, Noa Presas, en rolda de prensa este luns
A deputada económica do Grupo do BNG, Noa Presas, en rolda de prensa este luns

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta