Pontón sobre a comisión de investigación do Cunqueiro, que o PSdeG apoia: "O PP terá ocasión de retratarse"

"Se mañá votan que non, estarán directamente dicíndonos que teñen moito que ocultar e que son culpables de cuestións das que agora mesmo hai dúbidas", dixo a líder nacionalista.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2024 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

O BNG levará ao Pleno do Parlamento desta semana a petición dunha comisión de investigación sobre o sobrecusto do Hospital Álvaro Cunqueiro que detectou o Consello de Contas, unha proposta ante a que, dixo Ana Pontón, o PP terá "ocasión de retratarse". Os socialistas avanzaron que apoiarán a proposta.

"O PP ten a ocasión de retratarse e dicir se está pola transparencia ou pola opacidade", dixo Pontón durante unha rolda de prensa este luns na que subliñou a importancia dunha investigación parlamentaria do sobrecusto das obras deste centro hospitalario, así como doutros contratos realizados durante a pandemia. "Só teme unha comisión de investigación quen ten algo que ocultar", dixo Pontón, que advertiu de que a súa formación "irá ata o final para que haxa transparencia". "Se mañá votan que non, estarán directamente dicíndonos que teñen moito que ocultar e que son culpables de cuestións das que agora mesmo hai dúbidas", dixo a líder nacionalista.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, avanzou que o seu grupo apoiará esta investigación. Os socialistas tamén formularán unha pregunta no Pleno para pedirlle ao presidente que "dea unha explicación medianamente crible" do sobrecusto o Cunqueiro, "do que alguén terá que facerse responsable", dixo. O secretario xeral dos socialistas galegos pediu a Alfonso Rueda que explique "onde foron a parar centos de millóns de euros de diñeiro público" e advertiu de que "as prácticas opacas e o favoritismo non poden seguir marcando o rumbo de Galicia".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante a rolda de prensa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante a rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta