O PSdeG reitera unha "alianza" PP-BNG para silencialos no Parlamento, e o BNG di ter actuado con "tremenda xenerosidade"

Besteiro di que é "inédito" que un dos grupos quede sen pregunta nas mesmas condicións e Pontón sostén que xa ocorreu cos "grupos máis pequenos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2024 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, denunciou este luns a existencia dunha "alianza entre o PP e o BNG" no Parlamento galego para "silenciar" aos socialistas, eliminando a súa intervención nunha das sesións de control ao Goberno, algo que o líder socialista dixo que é "inédito na historia do parlamentarismo galego".

Fronte a estas acusacións, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, dixo que os nacionalistas actuaron "con moitísima xenerosidade co PSOE desde o primeiro momento" en relación ao seu papel na Cámara en relación ao que lles outorga o regulamento segundo a súa representatividade, e afirmou que o denunciado polo PSOE non se "axusta á realidade", dado que "houbo outras situacións nas que os grupos máis pequenos da cámara non tiñamos pregunta ao presidente".

Nunha rolda de prensa na Cámara galega, Gómez Besteiro sinalou que este feito vai "en contra do principio democrático de pluralidade" e reclamou que se rectifique esta situación "extraordinariamente grave cuantitativa e cualitativamente". Segundo os socialistas, nunca se deu con anterioridade "na historia do parlamentarismo galego" que, nas mesmas condicións que as actuais, un dos grupos quedase sen intervención na sesión de control.

Isto foi denunciado a comezos da Lexislatura nos órganos internos da Cámara e tamén o pasado martes na mesa da Xunta de Portavoces. Agora, os socialistas levarán a protesta á Mesa do Parlamento a través dun requirimento formal. "Corremos o risco de que en próximas sesións de control non se nos permita interpelar ao presidente sobre temas de interese, o que afecta directamente ao dereito dos galegos a unha fiscalización adecuada do seu Goberno", dixo Besteiro.

PONTÓN FALA DE "XENEROSIDADE"

Preguntada por esta cuestión, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu que a súa formación actuou "con moitísima xenerosidade" con respecto ao PSOE "desde o primeiro momento" en canto ao seu papel parlamentario. Para iso, puxo como exemplo que "pediron para eles" un posto na Mesa que "non lles correspondía pola súa representación". "Hai que medir o que se di e axustarse á realidade", dixo Pontón, que contrastou a "tremenda xenerosidade" do BNG coa "actitude que tivo no pasado o PSOE" e dixo aos socialistas que "houbo outras situacións nas que os grupos máis pequenos da cámara non tiñamos preguntas ao presidente".

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, intervén no Parlamento galego
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, intervén no Parlamento galego | Fonte: PSDEG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta