A volta ao cole: como afecta no plano psicolóxico? O Colexio de Psicoloxía reivindica a figura do psicólogo educativo

Aquí unha serie de recomendacións, así como unha panorámica da situación actual.

Por Amanda Fernández | Lugo | 08/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Co verán xa na porta de saída ponse fin a un período estival de ocio, de descanso e no que tanto maiores como pequenos desfrutan. Porén, iso que implica certa desregulación, a chegada de setembro, implica volver á rutina e iso non sempre se leva ben. Como se afronta desde o eido da psicoloxía? Falamos con María Begoña Castro Iglesias, membro da sección de Psicoloxía educativa e volgal da xunta de goberno do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Comeza por sinalar que no eido infantil, en especial, é moi importante retomar rutinas, xa que desde o ambito psicolóxico, nos xera seguridade. "Todo o que implica rutina tamén implica seguridade, tanto adultos como nenos, rendemos mellor desta forma, que con todo o tempo de mundo", afirma. 

Unha cita cun psicólogo infantil
Unha cita cun psicólogo infantil | Fonte: Alegra Piscólogos Málaga

Neste sentido a experta comenta unha serie de recomendacións para retomar a rutina non resulte un pesadelo. Como principal, non debe ser algo de xeito inmediato, nin tres días antes, senón que tratándose dos máis pequenos da casa, "o ideal sería dúas semanas antes". Conleva un período evolutivo e de adaptación no que os factores máis importantes a ter en conta son, segundo enumera, o descanso, a alimentación, o exercicio, a autonomía e a comunicación

PRESTAR ATENCIÓN A ESTES PUNTOS 

No que atinxe ao descanso e a volta á rutina de sono fai fincapé en que é importante que os nenos ata 12 anos, "durman entre 10 e 12 horas". É de vital importancia porque o descanso implica un bo rendemento ao día seguinte e acadar benestar pasa polo descanso cerebral e físico. No plano da alimentación sempre é importante que sexa "saudable, nutritiva e equilibrada", pero máis aló do habitual estaría a importancia do almorzo: "Cada vez se detecta máis que polas presas e a inmediatez, hai nenos que chegan ao cole sen o almorzo, máis aló dos que teñen ese servizo no centro. Non se pode pasar o almorzo á media mañá porque todo ese tempo de agardar repercute na concentración, no rendemento e na irritación. O almorzo é principal e ten que ser pola mañá e iso precisa tempo".

O exercicio ou adquisición de habilidades deportivas, segundo expón, resulta moi importante non só a nivel de saúde, senón a nivel de habilidades sociais e valores. Así, recomenda que os pais se paren a escoitar aos fillos e ter en conta os seus intereses, sobre todo nas actividades extraescolares. "Que vaian desfrutar e nunca sexa algo que lles xere rexeitamento", comenta. Outro factor a ter en conta é o de retomar a autonomía e neste sentido, sinala: "Os nenos e nenas en períodos de Primaria e, incluso Secundaria, non precisan solución para todo, senón a supervisión dun adulto". E por último, ano eido da comunicación saber como están, que lles produce inquedanza, ansiedade ou lles preocupa. 

DEIXAR OS CATIVOS NO COLE CANDO COMEZAN

Outra imaxe habitual nestas datas para aqueles cativos que con tres anos comezan o colexio é as cariñas tristes cando marchan papá e mamá. "Senten apego e un vínculo forte nun período de adaptación cada vez máis curto por mor da conciliación familiar, polo que se amplían as marxes de estancia no centro", sostén e engade que poden tardar ata un mes en adaptarse estando isto "dentro do normal". É importante tamén neste caso establecer rutina porque os nenos de Infantil están nun momento "a nivel cognitivo moi concreto" no que precisan "cousas visibles e concretas para asociar". Desta maneira hai que saír con marxe para a escola ou para o autobús; cando os deixemos despedirse cunha pequena aperta ou sinal que establezan como rutina. "Quedarán chorando, pero rápido se lles pasa e nunca enganalos porque entéranse de todo". 

Considera tamén como punto a destacar a necesidade de dispoñer o escenario da escola como un lugar bonito, no cal facer amigos, xogar e aprender. A rutina suporá unha seguridade e hai que evitar chegar tarde porque o feito de saír e non ver unha cara coñecida pode xerar moita angustia. "Esas pequenas cousas que parecen insignificantes xogan un papel clave para que se sintan seguros". Xa no alumnado de Primaria nestes primeiros compases recomenda ter moita comunicación e estar atentos a diferentes sinais de alarma porque foron "vítimas de acoso ou o poden estar sendo". En síntese, a tarefa pasa por estar pendentes e volver a rutina. 

PREOCUPACIÓNS POLO ESCENARIO INFANTO-XUVENIL 

Como se afronta esta tarefa e que sería o recomendable? "Vivir esta situación de tránsito e adaptación tratada con normalidade. Nun mundo no que manda a rapidez e inmediatez, volver á calma é o o máis importante, adaptarnos progresivamente e con certo freo. Hai que escoitar aos nenos, pero tamén a nós mesmos para non trasladar a ansiedade. Así a recomendación é tratar de adaptarnos e tomar as cousas con tranquilidade e certa calma porque semella que temos que ir sempre a correr para todos os lados". 

E que vos preocupa como sector de cara a este próximo curso? María Begoña sinala que, dende o ámbito da psicoloxía, lles preocupa moito todo este escenario infanto-xuvenil. "Intentos autolíticos, intentos de suicidio, ansiedade, estrés e farmacoloxía. Estamos creando moito consumidor de psicótropos", establece. Isto ten ao sector moi pendentes, xa nos últimos anos preocupa o relacionado con todos os temas que teñen relación directa co "acoso escolar, consumo masivo de sustancias no momento evolutivo xuvenil, contido de pornografía...". Neste sentido, cando sucede un acontecemento reciben ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia moitas chamadas, pero afirma que deberían preverse: "Sempre se procura dar resposta a estas situacións, pero o importante é que non chegasen a suceder e para iso precísanse máis psicólogos e non só desde o ámbito clínico". A prevención é imprescindible para non chegar a eses escenarios dramáticos, que en certos casos, "non teñen volta atrás lamentablemente". 

"Cando un neno, adoscente ou adulto chega ao ámbito da psicoloxía clínica é porque xa debutou, hai unha trascendencia importante na súa vida de determinadas situacións non resoltas, que se deben previr desde o eido escolar. Noutros países, como o país veciño de  Portugal, non conciben o que é a psicoloxía infanto-xuvenil sen os psicólogos educativos, que é unha rama da psicoloxía. Nós e desde o ámbito do Consello Nacional de Psicoloxía reivindicamos apostar polos psicólogos educativos nas escolas e estamos á espera de resposta". 

A FIGURA DO PSICÓLOGO EDUCATIVO

A psicoloxía ten moitas ramas, non existe un psicologo xeralista, senón que existen especialidades (educativa, xurista, clínica), pero a que máis se visibiliza é a clínica. "A esta acudimos cando estamos moi mal", lamenta. A figura do psicólogo educativo nos centros viría a complementar a do orientador e non a substituíla en ningún caso: "A misión do orientador non é abordar os problemas desde o ámbito psicolóxico, senón traballar o eido didáctico, contacto co profesorado e alumnado,... Non aborda os problemas importantes a nivel terapéutico que é o que realmente se debería facer para previr as situacións que xeran inquedanza". Salienta que fan falta máis especialistas e que "parece que todo vale", pero se require formación e "maior cordura". 

A liña de actuación é, segundo explica, derivar a Pediatría ou a Psiquiatría infanto-xuvenil e faltaría esa figura intermedia. "Se van a Psiquiatría xa rematan con farmacoloxía, que se é necesaria está ben que se leve o tratamento a cabo, pero hai factores como a ansiedade que se poderían previr con esa figura do psicólogo educativo, nin visible nin potenciada". 

Como conclusión apunta aos tempos de espera dos psicólogos clínicos, que non son suficientes e existe un problema de contratación. No ámbito privado tamén hai saturación e citas a longo prazo e sen poder ter revisións cunha periodicidade adecuada. "Estamos creando unha sociedade medicada e dependente de farmacoloxia. Preocúpanos isto desde o ámbito educativo, preguntámonos como van a resolver estas novas xeracións os problemas importantes que virán no futuro?", lamenta. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta