Guía para gozar deste Nadal nas bibliotecas e museos de Galicia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2023 | Actualizada ás 20:04

Comparte esta noticia

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ofrecerá este Nadal máis de 60 actividades e exposicións nas bibliotecas, museos e arquivos dependentes da Xunta.

Talleres, mostras fotográficas e bibliográficas, actividades infantís, presentacións de libros, concertos e decenas de variadas actividades para pequenos e maiores ocuparán estas instalacións públicas durante as datas festivas. A programación completa pode consultarse na Axenda da Cultura de Galicia.

PROGRAMACIÓN BIBLIOTECAS

Entre as propostas están as da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal que lanza numerosas propostas para os máis pequenos, pero tamén para público adulto. Na Biblioteca Pública de Lugo inician estas festas cun concerto de Nadal do Orfeón Lucense o próximo 22 de decembro, mentres que o día 29 os máis pequenos ten unha cita con 'Contario, os contos de Pablísimo'.

Durante as semanas de vacacións escolares, a Biblioteca Pública de Ourense Nós mantén activas numerosas actividades habituais ao longo do ano para maiores de 14 anos, como os clubs de lectura ou talleres de debuxo dixital. 

Os mozos de 0 a 3 anos terán a súa cita na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel os días 28 de decembro e 11 de xaneiro cos contacontos 'Cociñando con sentimento' e 'Glup', respectivamente. Os maiores de 4 anos, pola súa banda, poderán gozar o 23 de decembro da narración oral 'Non teño medo' e o día 30 de 'Brinca vai!'.

Imaxe do Nadal no Gaiás
Imaxe do Nadal no Gaiás | Fonte: XUNTA

A esta oferta cultural súmase a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés con actividades variadas ao redor do programa 'Nadal na Biblioteca', unha mostra para animar á lectura aos máis pequenos e o taller de manualidades 'Imaxina o teu Nadal' o 27 de decembro.

EXPOSICIÓNS

Os museos galegos apostan pola realización de diversas actividades que os convertan en lugares vivos e cheos de cultura. Para iso, o Museo Massó organiza talleres para as familias e os pequenos da casa: o 28 de decembro versará sobre o mundo mariño, o día 30 sobre libros e o 4 de xaneiro sobre origami mariño.

A Cidade da Cultura tamén conta cunha ampla programación de Nadal con actividades, exposicións para todos os públicos e un percorrido polas súas luminarias. Outras entidades, como o CGAC, achegan aos máis pequenos dous talleres relacionados con estas festas: 'Que hai neste caixón?', os días 27, 28 e 29 de decembro e 'Fotosía' os días 3, 4 e 5 de xaneiro.

Así mesmo, o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) organiza 'Factoría de xoguetes' un taller infantil o día 26 de decembro, mentres que o Museo do Mar de Galicia en Vigo programa variados eventos entre os que destaca unha experiencia de realidade virtual, 'Galiverso sumerxido', o 22 de decembro.

Ademais, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense aposta por dar a coñecer a peza do mes de decembro, ao redor do territorio. Na mesma provincia, o Museo Etnológico de Ribadavia programa a presentación do libro 'Liberalismo decimonónico: ilustres ribeiranos' de Francisco Lorenzo Amil e difundirá virtualmente a colección de programas de man cinematográficos, así como a súa peza do Nadal, o bloc postal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta