Por Galicia Confidencial | OURENSE | 20/12/2023 | Actualizada ás 17:17
A ONG IGAXES denuncia un delito de odio cara a mocidade tutelada ao aparecer vandalizada a súa exposición fotográfica ‘Resalire’. Dos 16 retratos que conforman a mostra, protagonizada por mozas e mozos do sistema de protección, a metade apareceron no chan, totalmente esnaquizadas con cortes.
As fotografías, grandes lonas situadas ao longo do Paseo da Igualdade no Campus da Universidade de Vigo en Ourense, son obra do fotógrafo Fuco Reyes e forman parte da campaña #NonNosXulgues. Pretenden ser unha ferramenta de desestigmatización das e dos mozos que saen do sistema de protección. Un colectivo que, segundo relata a ONG, carga con pesados estigmas que dificultan a súa integración, busca de traballo ou de vivenda.
Os ataques vandálicos acontecidos nos últimos días dan mostra dun comportamento desesperanzador contra un traballo que visibiliza a este colectivo tan castigado. Mozas e mozos que con 18 anos xa deben ser independentes, sen ningún tipo de rede nin apoio da familia, cando en España a idade de emancipación é de 30 anos. Organizacións como Igaxes permítenlles contar con algo máis de tempo e estabilidade nesa transición á vida adulta, para que non se vexan privados de futuro por razóns de pobreza ou exclusión social.
A entidade agarda que non haxa máis destrozos, xa que a exposición ía percorrer máis cidades galegas e ía estar en Ourense ata xaneiro. Nesta cidade aínda se pode ver a mostra noutra das súas versións, na sala Alterarte do mesmo Campus. Agora máis que nunca, cren que estas fotografías deben servir para xerar un debate social arredor da integración e do modelo de sociedade no que queremos convivir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.