Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 20/12/2023 | Actualizada ás 17:34
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rebaixou de 12 a 7 anos de cárcere a pena imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a un home da Estrada por violar á súa parella. Segundo explica o tribunal na súa sentenza, en aplicación da coñecida como lei do 'só si é si', a pena do home, que violou con actos "particularmente degradantes ou vexatorios" á súa noiva, co agravante de parentesco e a atenuante de alteración psíquica por consumo de alcol e drogas, redúcese en cinco anos.
O TSXG explica que, nesta circunstancia entre a lexislación aplicada polo tribunal de instancia, que era a vixente no momento no que ocorreron os feitos, e a actual, prima a que é máis favorable ao reo. De acordo coa nova lei, a pena a impor polo delito que foi condenado o procesado oscila entre 7 e 15 anos de prisión, sendo 7 o mínimo, que se corresponde coa mínima (12 anos) tamén aplicada polo tribunal de instancia.
O alto tribunal rexeitou o resto das alegacións expostas polo condenado. Desta forma, subliña que "nada hai nas actuacións" que leve a concluír a falta de credibilidade da vítima, tal e como sostén o condenado no seu recurso, "nin quebras da verosimilitude, nin defectos da persistencia". Por iso, os maxistrados non comparten "a tese do recurso en canto aos termos en que se produciu a agresión sexual e na formulación de que, como máximo, existiría un delito tentado".
Ademais, indican que no informe médico forense "exprésase con claridade que se detectaron signos de violencia na superficie corporal, abundantes, e compatibles co que relata a persoa explorada, e, o que é máis importante, detectáronse lesións na rexión paragenital, equimosis na raíz da coxa dereita, moi significativas porque poden indicar un forcexeo para separar as coxas".
Así mesmo, segundo sinalan os xuíces na sentenza, no informe descríbense "as múltiples lesións sufridas pola vítima", á vez que recalcan que é evidente "que a agresión se produciu cunha importante brutalidade". "No noso modo de ver a cuestión, o que acontece non só é unha agresión sexual, senón, añadidamente, unha completa degradación e vexación da persoa, unha absoluta humillación a través de insultos e de actos, que encaixa completamente no tipo aplicado pola sentenza apelada", inciden os maxistrados na resolución, contra a que cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Os feitos ocorreron en decembro de 2021, cando a vítima se negou a manter relacións sexuais coa súa parella, polo que o home "se enfureceu" e comezou a agredila e a violala. A muller faleceu o 13 de xuño de 2022 por causas alleas aos feitos, pero o seu testemuño foi incorporado á causa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.