Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2023 | Actualizada ás 16:55
As coalicións electorais que queiran presentarse ás eleccións autonómicas do próximo 18 de febreiro terán de prazo ata o 5 de xaneiro para rexistrarse e a campaña electoral comezará o 2 de febreiro á medianoite. Deste xeito son 15 os días que teñen de prazo Sumar, Podemos e EU-IU para chegar a un acordo, aínda que, a formación de Yolanda Díaz descartou xa a fórmula da coalición, algo que buscan tanto EU-IU coma Podemos.
A portavoz de Sumar no Congreso, Marta Lois, asegurou que en breve se coñecerá o candidato ou candidata da formación ás eleccións de Galicia do 18 de febreiro, dado que dispoñen de bos perfís para elixir a mellor cabeza de lista.
Nunha entrevista con Europa Press, manifestou que Sumar está en condicións para afrontar esta cita electoral, pois despregaron un traballo intenso no territorio desde hai meses, e deixa claro respecto ao deseño da candidatura, que "todo chegará ao seu tempo" e pronto haberá unha decisión.
"Estou segura de que a decisión final que se adopte para escoller a un candidato ou candidata vai ser o mellor perfil, a mellor persoa para representar a Sumar Galicia", remarcou. Preguntada sobre se unha opción pode ser o portavoz autonómico, Paulo Carlos López, dixo que é un bo perfil na portavocía e insistiu en que o seu referente electoral será "calquera persoa" que Sumar Galicia e a súa promotora "teña a ben valorar".
SUMAR NON CHEGA TARDE E SERÁ "DECISIVA"
Cuestionada sobre o feito de que ante esa convocatoria electoral Sumar non teña definido nin alianzas nin candidato, Lois manifestou que puidese dar a sensación, do mesmo xeito que nas xerais, que ante o adianto electoral chegaban "tarde" ou sen os "deberes feitos", cando en realidade xa contaban cun labor intenso que quedou demostrada o 23X cun resultado "moi positivo".
A RUPTURA ESTATAL DE PODEMOS CONDICIONOU As CONVERSACIÓNS
Cuestionada sobre por se dá por descartada a confluencia con Anova e se entendía o seu rexeitamento a confluír, Lois afirmou que van seguir falando con esta formación e con outros partidos, dado que Sumar "non é unha casa pechada", senón un "espazo aberto" ás "persoas e forzas progresistas".
Respecto de se se retomará o diálogo con Podemos sobre unha eventual confluencia, Lois insistiu que Sumar é "unha casa aberta que tende a man", aínda que recoñeceu que a "saída unilateral" do grupo plurinacional no Congreso que adoptou o partido morado a nivel estatal condicionou " un pouco a situación de cara ao que son as conversacións".
TEMPOS
A publicación da convocatoria oficial das eleccións está prevista para o vindeiro martes 26 de decembro no Diario Oficial de Galicia (DOG), tal e como anunciou o presinte da Xunta, Alfonso Rueda, día en que tamén queda disolta a Cámara galega e entran en funcionamento os órganos entre períodos.
Así arrinca o reloxo electoral, de maneira que hai dez días para o rexistro de coalicións, é dicir, o 5 de xaneiro é a data límite para comunicar pactos de coalición ante a Xunta Electoral Central, segundo dita a Lei orgánica de réxime electoral xeneral.
O 10 de xaneiro comeza o prazo para presentar candidaturas, o cal conclúe o 15 de xaneiro. O Diario Oficial de Galicia (DOG) e os boletíns oficiais provinciais publicarán as candidaturas o 17 de xaneiro e quedarán proclamadas o 22. Xa o 2 de febreiro comezará oficialmente a campaña electoral que desembocará na cita coas urnas o 18 de febreiro. O día anterior será a xornada de reflexión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.