O valor da unidade

A iniciativa dunha cumprida representación do noso mundo profesional e cultural para a celebración cidadá do Día da Nación galega o vindeiro 25 de xullo ten un valor evidente, porque convoca unha celebración que trascende partidos e vertebra á nosa sociedade. Tendendo a unha reivindicación baseada na nación como acto de cidadanía, como acto de civismo e vontade.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 19/07/2015

Comparte esta noticia
Esta iniciativa opera nun plano que só atinxe ao mundo- máis ou menos amplo, máis ou menos limitado- do nacionalismo,do galeguismo e mesmo dos que ven Galicia en clave de país e como tal, suxeito político por si proprio. Neste contexto,  non deixa de ser verdade que o outro debate que está riba da mesa, o de xuntar cidadanía nunha grande marea galega, que sobarde estes límites e atinxa, apelándoos, a outros sectores da sociedade galega, partilla noutra liga. Compre, pois, non confundirmos os conceptos nin confundirmos os debates, mais sen sermos tan inxenuos como para ignorar que un e outro están certamente relacionados.
 
Na Galicia e na Europa do 2015 cada vez son menos comprensíbeis as liortas partidarias en clave propria da “Vida de Brian”. Importan, xa, ben pouco os purismos, os resistencialismos e os adanismos. Son tempos de tecer complicidades e de construir pontes. E de escoitar a esas ducias de milleiros de galegos e galegas que non entenden as artificiais diferenzas  entre os fas e os nefas, entre a fronte xudía de liberación e a fronte de liberación dos xudeus. De escoitar ao común.
 
Porque,precisamente dende o plano cidadán (dende o plano veciñal) non hai risco de que o mato non nos deixe ver as figueiras.  Non hai risco de que os ideoloxismos non nos deixen albiscar as solucións.-
 
A ARRINCADEIRA: EUROPA, EUROPA
 
Outravolta a Europa da incompetencia pariu unha (non) solución á crise grega. Mais as disensións na Syriza e na CDU alemá ilustran que os grandes problemas da  osa convivencia só se resolverán con máis Europa. Cunha gobernanza común que mutualice todas as débedas públicas, unifique a defensa militar, a coordinación fiscal,  a unión monetaria e máis a diplomacia. Doutro xeito hanos comer polos pés. A falla de visión dos austericidas e de determinados “campions nacionais” afasta a única solución posiñbel. A solución global europea.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.