Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/12/2023 | Actualizada ás 11:47
A Coordinadora Galega de ONGD para o Desenvolvemento manifestou o seu malestar e preocupación ante os orzamentos aprobados pola Xunta de Galicia para o 2024 polos poucos recursos para actividades humanitarias. "Incomprensiblemente, no ano co orzamento máis alto da súa historia a partida da Xunta de Galicia dedicada á Cooperación Internacional incumpre os acordos adquiridos no V Plan Director aprobado o pasado mes de xuño", critica.
Fronte a previsión de crecemento dun 5%, de acordo ao compromiso de aumentar a contía de xeito igual ou maior que o crecemento dos seus orzamentos, o investimento mantense igual que no período anterior. “Non entendemos esta decisión no momento no que as ONGD e as poboacións máis vulnerables do mundo necesitan máis apoio”, explicou María Paz, presidenta da Coordinadora Galega de ONGD.
A pesar das reiteradas demandas da Coordinadora e da oposición dende que se publicou o borrador dos orzamentos, e das propias declaracións do vicepresidente Diego Calvo que asegurou en sede parlamentaria que o orzamento dedicado á cooperación sería “incluso superior ao que estaba comprometido”- apuntando a unha partida extraordinaria dirixida a Gaza-, non houbo modificacións. “Estes orzamentos supoñen darlle as costas á realidade e á nosa responsabilidade coa xustiza social global”.
“É importante lembrar que estamos a vivir un dos contextos internacionais máis convulsos e complicados en décadas”, dixo facendo referencia aos numerosos conflitos bélicos activos neste momento como son Gaza, Ucraína, Afganistán...; ás severas crises migratorias con máis de 108 millóns de persoas desprazadas no mundo (dúas veces a poboación da península ibérica); ao auxe dos gobernos autoritarios -caso de Centro América, un dos territorios prioritarios dentro da Cooperación Galega-, ou ás consecuencias do cambio climático e a persecución continua a ONGs e activistas en multitude de países.
Segundo o informe de cooperación descentralizada publicado pola Coordinadora Estatal de ONG, Galicia ocupa o posto 11 no ránking por comunidades autónomas cun investimento do 0,06%, unha cifra moi afastada da media estatal do 0,13%, e aínda máis lonxe do obxectivo do 0,7% que recolle a nova Lei de Cooperación para o Desenvolvemento Sostible e a Solidariedade Global", aprobada no Congreso dos Deputados co apoio de todos os partidos, excepto Vox. Cumprir co pactado supoñía unha subida de apenas 400.000 euros.
Atendendo aos datos de 2023 a Xunta dedicou 3,35 euros euros por habitante á Cooperación, moi por debaixo da media española que está en 8,42 euros, e xa non digamos de CCAA máis avanzadas como Euskadi con 23,25 por habitante ou os 27,23 de Navarra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.