Santalices cualifica de "momento histórico" a sucesión de Feijóo no Parlamento galego

Di que Rueda chega "moi ben asentado" e é "un presidente moi próximo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2023 | Actualizada ás 16:13

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, sinalou que a substitución por parte de Alfonso Rueda a Alberto Núñez Feijóo na presidencia da Xunta foi un dos puntos álxidos da recentemente concluída lexislatura, un proceso que transcorreu "sen un fallo" e co que se viviu "un momento histórico".

Así o dixo nunha entrevista concedida a RNE e recollida por Europa Press na que sinalou que se tratou de algo inédito na democracia galega e dunha cuestión "de certa complexidade", polos prazos "axustados" e a necesidade de adaptalo ao regulamento da Cámara.

"Creo que saíu todo perfecto, non houbo un fallo", dixo Santalices, para quen neste "momento histórico" o Parlamento "funcionou con toda a normalidade". "Creo que foi un proceso que eu considero exemplar desde o punto de vista organizativo", sinalou. "Outra cousa", engadiu, "é a sensación como militante dun partido" cando "se vai o que era o presidente e hai que elixir a outro". Neste ámbito, subliñou Santalices, o asunto levou "con moitísima xenerosidade por moitas partes" e "houbo moitas renuncias" para que o proceso fora "como unha piña, unidos todos ao redor dunha figura".

En canto a Alfonso Rueda como candidato nas súas primeiras eleccións, que serán o próximo 18 de febreiro, Miguel Santalices considerou que chega "moi ben asentado" tras o "esforzo" realizado para "darse a coñecer e mostrarse". "É un presidente moi próximo e a xente así o valora, e ten unha dedicación eu creo que as 24 horas", dixo.

No ámbito parlamentario, aplaudiu o descubrir un Alfonso Rueda "moi sorprendente" nas súas intervencións, con "a facilidade coa que xera debate" e a "dedicación" a preparar as súas respostas. "Ao meu sorprendeume gratamente o Rueda parlamentario", engadiu.

UN ANUNCIO ELECTORAL POR "SORPRESA"

O anuncio da convocatoria electoral para o 18F, recoñeceu Santalices, colleu aos parlamentarios "cunha certa sorpresa", xa que, aínda que no "ambiente circulaban" rumores, ninguén se expuña que fose ser "tan inminente".

Sobre as datas elixidas, o presidente da Cámara galega apuntou que o Nadal é "unha época na que todo é máis receptivo", mentres que apostou por "saber adaptarse" a unha campaña en pleno Entroido. "É un inconveniente que teñen todos os grupos políticos", dixo Santalices, que animou a "botarlle un pouco de enxeño".

Sobre esta lexislatura, Miguel Santalices quixo agradecer aos deputados e deputadas o traballo realizado nun período no que "houbo debates interesantísimos, duros, aguerridos, pero sempre desde a óptica do respecto". "E se nalgún momento houbo algo que tensionou de máis, teño que recoñecer que cunha chamada miña ou cun xesto rapidamente reconducíase, entón estamos moi lonxe doutros parlamentos nos que a crispación e as estridencias foron moi grandes", apuntou.

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, no hemiciclo
O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, no hemiciclo | Fonte: PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta