Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2024 | Actualizada ás 13:16
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades abrirá este mércores e ata o 2 de febreiro o prazo de solicitude das súas axudas complementarias ás bolsas Erasmus+ das que son beneficiarios os estudantes do Sistema Universitario de Galicia (SUG). O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a convocatoria destas subvencións que variarán entre os 125 e 195 euros ao mes, en función do país de destino. Ademais, se hai crédito remanente, adxudicarase unha contía uniforme de 500 euros entre os solicitantes cuxa estancia sexa igual ou superior a cinco meses e conten coas mellores medias no expediente.
A Xunta destina un orzamento de máis de 1,5 millóns de euros para complementar as bolsas deste programa da Unión Europea. A solicitude será a través da sede electrónica da Administración autonómica. Non poderán optar á axuda aqueles que xa gozasen dela en convocatorias anteriores nin tampouco o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nolos seus países de orixe.
As contías serán en función do país de destino: 125 euros mensuais para o grupo 3 (Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia e Turquía), 165 para o grupo 2 (Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos e Portugal) e 195 para o grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega e Suecia).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.