Que hai que facer tras 339 hospitalizacións por gripe na última semana do ano? Falan os médicos

O doutor Federico Martinón advirte de que "estamos en pleno pico estacional, que aínda non acadamos, pero non hai razóns para pensar que sexa diferente ás epidemias de gripe estacional habituais nin en maior incidencia nin en maior gravidade". E chama de novo a vacinarse: "Aínda non é tarde".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/01/2024 | Actualizada ás 21:59

Comparte esta noticia

Este Nadal semella que en todas as familias estivo marcado pola gripe. A tos, os mocos e as suores frías acompañaron ás celebracións, como tamén o fixeron o Frenadol, o Pharmagrip ou o Fluimucil. As farmacias enchéronse de vender este tipo de medicamentos contra os síntomas do virus e as urxencias en moitos centros hospitalarios víronse colapsadas polas consecuencias que desencadeou a enfermidade nas persoas máis vulnerables. Pero, que nos din os datos? Realmente a cousa é tan grave como semella? E que nos din os expertos? Dende Galicia Confidencial cotexamos os datos dos últimos informes gripais do Sergas coa opinión ao respecto do doutor Federico Martinón, do CHUS, pediatra que seguiu moi de preto a onda epidemiolóxica da covid.

CSIF critica 'por enésima vez' o 'colapso das urxencias da CARPA'. CSIF
CSIF critica 'por enésima vez' o 'colapso das urxencias da CARPA'. CSIF

Segundo os datos da última semana analizada polo Sergas, correspondente á do 18 ao 24 de decembro, a taxa de consultas por casos relacionados coa gripe na Atención Primaria medrou un 33 % con respecto á semana previa, ata situarse en 154 casos por 100.000 habitantes. Tendo en conta que en Galicia hai 2,7 millóns de habitantes, a conta sae sinxela: estariamos a falar de que na actualidade hai na comunidade 4.158 galegos con gripe. Se temos en conta que a día de hoxe hai algo menos de mil pacientes con covid, semella bastante, pero hai que ter en conta que a gripe na maioría de persoas pásase sen maior problema en dous ou tres días. Ademais, nesta mesma semana, o pasado ano 2023, o número de consultas estaba nos 29 casos por 100.000 habitantes, isto é, uns 723 casos (case seis veces menos que na actualidade). Sen embargo, isto debeuse a que o pico xa fóra acadado meses antes.

Ademais, nesa última semana de 2023, a taxa de consultas medrou en todos os grupos de idade, especialmente no de 65 anos e máis, que malia ao ascenso segue a ser o grupo coa taxa máis baixa de consultas por este motivo: 62 casos por 100.000 habitantes. Pola contra, nos grupos de 0 a 4 anos, de 5 a 19 ou de 20 a 44, a taxa varía entre 204 e 210 casos por 100.000 habitantes, e no de 45 a 64 fica en 155. A derradeira semana do 2022 as taxas variaban entre os 13 casos por 100.000 habitantes nos maiores de 65 e os 42 nos mozos de 5 a 19 anos. Pero novamente hai que resaltar que se debe a que o pico xa fóra acadado meses antes. Comparando co que acontecía en anos anteriores, o certo é que esta tempada 2022-2023 é, polos datos, a máis tardía no que respecta ao pico de contaxios dos últimos cinco anos, ao non rexistrarse nestas datas tal cantidade de casos dende a pasada tempada 2017-2018, antes da pandemia. 

Por outra banda, se nos centramos nas hospitalizacións derivadas da gripe, na semana 51 do 2023, a última do ano, ingresaron nos hospitais galegos 339 pacientes con gripe confirmada, un 16 % máis que na semana previa. De covid hai agora 163 pacientes. Así, a taxa de ingreso foi de 12,6 persoas por 100.000 habitantes. A última semana do pasado ano 2022 o número de ingresos foi de 43 persoas, o que supoñía un descenso do 41 % con respecto á semana previa. E a taxa de ingreso non superaba os 1,6 pacientes por 100.000 habitantes, case oito veces menor que a actual. En total, no que vai de tempada notificáronse 1.301 ingresos hospitalarios, 70 pacientes remataron na UCI e 58 faleceron, dos cales 19 foi por gripe e o resto por patoloxías agravadas a causa da mesma. Na tempada anterior, ata a mesma data de cómputo, ingresaran nos hospitais 1.057 persoas, 64 precisaron UCI e 46 faleceron, 7 delas directamente pola gripe.

Así as cousas, semella que o que está a acontecer este ano non é tanto o incremento dos casos de gripe, pois a actividade do virus segue a considerarse de intensidade baixa, aínda que se achega cada vez máis a unha actividade media, senón a que se retrasou a chegada do pico, que noutros anos producírase nas derradeiras semanas de novembro ou nas primeiras de decembro, e este ano aínda non se acadou, semellando que podería ser xa ben entrado xaneiro. De feito, o doutor Martinón advirte de que "estamos en pleno pico estacional, que aínda non acadamos, pero non hai razóns para pensar que sexa diferente ás epidemias de gripe estacional habituais nin en maior incidencia nin en maior gravidade".

O que si apunta é que "co-circularon os outros virus habituais, fundamentalmente o VRS que xa empeza a ir á baixa, e esta presente tamén o SARS-COV2 (covid), que tamén ocasiona casos e hospitalizacións". Por tanto, para o doutor Martinón o que está a acontecer "é máis a suma de casos de cada un destes virus circulando de forma solapante, e ás veces a infección secuencial, é dicir, primeiro un virus e logo outro a continuación" que o número de casos de gripe en concreto. Ademais, advirte de que precisamente é este solapamento de virus "o que pode ser particularmente debilitante ou grave nas persoas máis vulnerables". Por iso, como profesional, afirma que "a clave segue a ser a mesma: vacinarse". "Aínda non é tarde", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta