Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2024 | Actualizada ás 18:10
Representantes da Xunta, do Concello de Santiago e da sociedade civil participaron no xa tradicional acto interinstitucional no cemiterio de Boisaca para lembrar a Ramón María do Valle-Inclán e a Isaac Díaz Pardo ante as tumbas onde descansan os seus restos mortais. E é que este mesmo venres, 5 de xaneiro, cumpríanse 88 anos desde a morte de Valle-Inclán, orixinario de Vilanova de Arousa pero moi vinculado á capital galega, e 11 desde a de Díaz Pardo. Ambos, en palabras do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, foron dous creadores que "contribuíron á historia de Galicia", cada un desde o seu ámbito.
Ademais de Rodríguez, acudiron a este acto a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e outros membros da Corporación local; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; e o presidente da Asociación de Amigos de Valle-Inclán, José María Paz Gago, entre outros. Tras as ofrendas florais realizadas polas diferentes autoridades, a rexedora tomou a palabra para sinalar o "día especial" que é "sempre" o 5 de xaneiro.
Sanmartín destacou a Valle-Inclán como unha "figura central" para a cidade non só desde "o punto de vista literario" e "cultural", senón tamén desde o "persoal". "Fixo moitísimo polo teatro a nivel galego, senón tamén internacional", agregou. Sobre Díaz Pardo, a alcaldesa rememorouno como unha "persoa xenerosa, amiga da cultura e defensora da nosa terra", posto que "sempre traballou a favor da nosa memoria colectiva" como pobo.
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura destacou a participación de "institucións de diferentes partidos, sociedade civil e estudiosos de Valle-Inclán", entre outros, neste acto como unha mostra da figura do autor para "xerar cohesión na sociedade". "Todos, por encima de moitas cousas, honramos a moitos creadores que contribuíron á historia de Galicia", agregou Rodríguez, quen proclamou que "un pobo que honra aos seus e a persoas que o merecen pola súa xenialidade creadora hónrase tamén a si mesmo". Conmemorar tanto a Valle-Inclán como a Díaz Pardo é, concluíu, "un orgullo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.