Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2024 | Actualizada ás 15:15
A entrada da borrasca Irene en Galicia deixa unha xornada desapracible na Comunidade galega, con incidencias de carácter xeral pero sen rexistros de gravidade, segundo explicou a Central de Coordinación e Atención ás Emerxencias-112. Con todo, si está activa unha alerta de aviso laranxa desde o mediodía deste mércores, no que se esperan ventos fortes nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Con actualización deste mediodía, Bueu sitúase como a localidade co refacho máximo detectada, na illa de Ons, ao alcanzar os 147,7 quilómetros/hora. Pola súa banda, a estación de Entrimo acumula 50,7 litros/m2.
Ademais, son varios puntos os que superaron os 100 quilómetros por hora en canto ao rexistro de ventos, como o municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras, cun refacho máximo de 129,8 quilómetros por hora ás 2,20 horas da madrugada deste mércores, segundo a información da web de Meteogalicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
En canto á situación da madrugada, notificáronse algunhas incidencias, pero o 112 non apunta ningunha de gravidade. Os bombeiros de Vigo tiveron que acudir na tarde do martes a retirar unhas chapas dun edificio na rúa Travesía de Vigo, e algúns elementos de mobiliario urbano e iluminación do Nadal que estaban en risco de caer á rúa, aínda que a madrugada dese mércores foi "tranquila". Do mesmo xeito, os bombeiros da Coruña non tiveron actuacións relacionadas co temporal nas últimas horas, salvo unha saída, ao mediodía do martes, para asegurar uns carteis que se moveron co vento en Cantón Grande.
ACTUACIÓNS EN SANTIAGO
Con todo, os bombeiros de Santiago acudiron de madrugada a retirar estes de unha cuberta de 'uralita' e a limpar na Rúa Nova de Abaixo; tamén a retirar restos tras o desprendemento de parte dunha galería na Avenida de Barcelona; e a cortar unha árbore caída na rúa Roma.
Así mesmo, á primeira hora acudiron a cortar varias árbores a Sionlla de Arriba, Zaramacedo e rúa Cotón, así como tiveron que intervir no tellado da igrexa do Pilar por unhas tellas que se moveron ao longo da mañá e mediodía. De feito, o Concello de Santiago pechou os parques.
Os bombeiros de Ourense e de Lugo, non reportaron intervencións relacionadas co temporal, nin tampouco o CIAE 112 Galicia, que limita as incidencias a retirada dalgunhas ramas, carteis ou cableado en diferentes vías, sen maiores consecuencias.
Doutra banda, as costas galegas rexistraron esta madrugada un incidene do volantero 'Novo Liberdade', do que foron rescatados o seu cinco tripulantes pola Pesca 2 de Gardacostas de Galicia, nun dispositivo coordinado por Salvamento Marítimo. A esa hora, precisamente, Salvamento Marítimo refire que na zona había temporal con condicións meteorolóxicas adversas e refachos de vento de 35 nós (62-74 km/h).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.