Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/01/2024 | Actualizada ás 15:59
O concelleiro de Economía e Facenda de Pontevedra, Raimundo González, asegurou que o Concello esquivou o "colapso total" ao minorar o impacto da non aprobación das contas despois de reter o diñeiro "suficiente" para facer fronte a todas as cuestións fundamentais ata a entrada en vigor do novo orzamento, previsiblemente en marzo.
Raimundo González compareceu este venres en rolda de prensa para ofrecer unha explicación detallada das retencións de crédito realizadas por mor da situación orzamentaria actual do Concello de Pontevedra.
A consecuencia do rexeitamento no pleno da cuestión de confianza exposta polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que levaba aparellada a aprobación da proposta de orzamento para 2024, o Goberno Local tivo que analizar de maneira exhaustiva a prórroga as contas municipais do ano 2022.
O concelleiro de Economía e Facenda explicou que por parte dos servizos económicos, fundamentalmente o órgano de xestión orzamentaria, fíxose un traballo "duro e complexo, difícil tamén e moi laborioso".
Raimundo González sinalou que os primeiros datos "conducían ao colapso total do Concello. "E isto non é algo inventado, é tan real como se pode comprobar nos datos", subliñou. Así, González lembrou que o orzamento prorrogado é de 74.242.074 euros, habendo xa uns gastos comprometidos, "tirando por abaixo", de 62.694.014 euros, o que deixa unha diferenza de 11.548.059 euros. Os gastos comprometidos saen do gasto de persoal e dos gastos en bens e servizos.
"Eses 11,5 millóns eran o diñeiro que nos quedaban para facer fronte a outros gastos, e as necesidades de crédito que tiñan os servizos xa eran de 15 millóns de euros", destacou. "É dicir, que se fixésemos fronte a todos os compromisos non nos quedaría nin un céntimo, nin un lapis poderiamos comprar. Sería o colapso total do Concello", insistiu o edil nacionalista.
Con esta solución para "minorar en parte este impacto" o concelleiro recoñeceu que "non queda arranxado o problema, pero si logran avanzar algo e manter proxectos esenciais e cousas fundamentais" como o Entroido ou os comedores escolares e outras cuestións relacionadas con asuntos sociais.
González subliñou que isto si traerá unha "retardación severa" no Consistorio, evitable no seu momento, e que atrasará diversos proxectos e xerará un atasco administrativo no futuro unha vez apróbese o novo orzamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.