(Vídeo) Visitaches xa as máxicas Aldeas de Nadal de Lalín?

O Galicia Confidencial déixache a guía para non perderte ningunha.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 05/01/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Aínda que Noiteboa xa foi alá, o Nadal aínda non rematou, e por iso dende o Galicia Confidencial seguimos contandoche algúns dos mellores plans que che ofrece Galicia para desfrutar destas festas en familia. Hoxe traémosche unha visita ás Aldeas de Nadal de Lalín, un conxunto de seis poboados con temática e ambientación de Nadal que encandilan a pequenos e maiores e que cada ano gañan máis e máis sona. E non é para menos! Casiñas a gran escala que albergan no seu interior moitas sorpresas engalanan diversas prazas da vila combinando tradición e fantasía no seu deseño. Moitas foron realizadas por artesáns locais e levan o nome dos mesmos e outras están feitas en homenaxe a figuras de recoñecido prestixio da historia da vila.

Aldeas de Nadal de Lalín
Aldeas de Nadal de Lalín | Fonte: GC - Arquivo
  • Aldea de Papá Noel: Ubicada na Praza da Igrexa, inclúe unha xoguetería e unha libraría con todo luxo de detalles e permite aos visitantes adentrarse no mundo de Papá Noel, coa súa casa xigante onde destaca a cama a tamaño real e a cheminea, moi acolledora.
  • Aldea do Apalpador: Situada na Praza da Torre, presenta varias casiñas de montaña que recrean a vida desta figura tradicional galega, coñecida por visitar aos nenos durante o Nadal. Cada ano son máis as vilas que se suman á reivindicación e recuperación da nosa tradición nestas datas.
  • Aldea da Música: Na Praza da Vila, este espazo ofrece un amplo lugar para que os nenos poidan desfrutar de actividades relacionadas coa música, poñendo así en valor a rica tradición musical que ten Lalín.
  • Aldea das Estrelas: Preto da estatua de Ramón María Aller, esta aldea presenta unha homenaxe a figuras destacadas da vila como o propio astrónomo Ramón María Aller, o pintor Laxeiro, o aviador Joaquín Loriga e o matemático Matemático Rodríguez, entre outros. Todos eles contan con casiñas que amosan os seus logros.
  • Aldea dos Reis Meigos: Ubicada na Praza da Biblioteca, está inspirada na arquitectura oriental e conta con seis casiñas, sendo a máis grande a dos mesmos Reis, na que os nenos aínda están a tempo de deixar as súas cartas.
  • Aldea dos Trasnos: Situada na Praza de Loriga, representa un bosque máxico con luces de cores e casiñas colgadas das árbores, evocando así a presenza destes pícaros personaxes da mitoloxía galega. Tamén hai casiñas recreadas a tamaño humano para que os nenos poidan visitar o interior das casas destes seres máxicos.

Aínda que o percorrido polas seis aldeas realízase facilmente a pé, pois están moi preto as unhas das outras, tamén existe a posibilidade de subirse a un tren turístico que as percorre todas e ofrece aos visitantes unha forma máis cómoda de desprazarse entre elas, á vez que descobre outros atractivos da vila. Ademais, este ano, como novidade, incorporouse unha zona gastronómica que combina a comida co ocio e a música, permitindo aos visitantes desfrutar dunha variada oferta culinaria nun ambiente festivo e protexidos do frío e das inclemencias do tempo ao abrigo dunha carpa. Este lugar está ao ladiño da Aldea da Música.

As Aldeas de Nadal de Lalín consolidáronse xa como unha das celebracións de Nadal máis emblemáticas de Galicia. Comezaron fai uns catro anos como un proxecto ideado e deseñado integramente por artesáns locais, utilizando materiais sostibles como a madeira e elementos reciclables. Pouco a pouco, a cousa foi crecendo, pero nunca se perdeu o seu sentido: promover a artesanía e a cultura local á vez que se ofrece unha experiencia festiva única, convertindo así a Lalín nun referente para o Nadal en toda Galicia. As Aldeas de Nadal estarán abertas ao público ata o 12 de xaneiro, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta