Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 28/01/2024 | Actualizada ás 12:00
Como xa temos comentado nalgunha ocasión, o obxectivo desta sección non se limita unicamente a fornecer fraseoloxismos (ou, nalgúns casos, outro tipo de solucións) que dean conta de paremias ou secuencias fraseolóxicas propias do castelán das cales, en maior ou menor medida, non é raro que botemos man inda que esteamos a falar en galego, pois tamén naceu coa vocación de reflectir xeitos propios de dicir que cada vez se escoitan menos, sobre todo entre as novas xeracións (neste caso por motivos obvios provocados pola incesante perda de falantes nativos), mais tamén moitas veces entre persoas galegofalantes de seu.
Neste propósito é no que se acha a secuencia que imos abordar hoxe, que é a de (non) facer caso (de...), na súa significación –non recolleita a día de hoxe no DRAG, inda que agardamos que non tarde moito en integrala– de “(non) ter unha persoa presente na memoria [aquilo que lle están a comentar ou do que lle están a falar]”.
(No) Acordarse (de...)
{= (Non) Ter unha persoa presente na memoria [aquilo que lle están a comentar ou do que lle están a falar].}
(Non) Facer caso (de...)
(Non) Darse de conta (de...)
(Non) Darse conta (de...)
[E MESMO]:
(Non) Decatarse (de...)
Ex.: Si ella dice que nos vimos el sábado pasado en la disco, pues será cierto, pero la verdad es que yo no me acuerdo.
Se ela di que nos vimos o sábado pasado na disco, pois serache certo, pero a verdade é que eu non fago caso ‡ eu non me dou (de) conta ‡ eu non me decato.
Ex.: Si realmente tú te acuerdas de que entregaste el exame, la conclusión es que quienes lo extraviaron son los del tribunal.
Se realmente ti fas caso ‡ ti te das (de) conta ‡ ti te decatas de que entregaches o exame, a conclusión é quen realmente o extraviou foron os do tribunal.
● Tamén, rexistrada a primeira por Constantino García González na súa obra Glosario de voces galegas de hoxe e as dúas últimas por Eligio Rivas Quintas na súa obra Frampas, contribución al diccionario gallego:
(Non) Facer mentes (de...) && (Non) Dar cadra (de...) && [E MESMO]: (Non) Dar conta (de...)
Ex.: Se ela di que nos vimos o sábado pasado na disco, pois serache certo, pero a verdade é que eu non fago mentes (diso) ‡ é que eu non dou cadra (diso) ‡ é que eu non dou conta (diso).
● Tamén, en contextos, e cun significado que se podería entender máis ou menos como unha mestura do significado xa indicado e mais do de “tomar consciencia ou coñecemento de [algo]”:
(No) Caer (en...) && (No) Caer en la cuenta (de...)
(Non) Caer (en...) && (Non) Caer na conta (de...) && (Non) Caer nela
Ex.: La verdad es que la chica de la foto se me hace familiar, pero ahora no caigo en quién puede ser ‡ pero ahora no caigo en la cuenta de quién puede ser.
O certo é que a rapariga da foto fáisecheme familiar, pero agora non fago caso de quen pode ser ‡ pero agora non me dou (de) conta de quen pode ser ‡ pero agora non me decato de quen pode ser ‡ pero agora non fago mentes de quen pode ser ‡ pero agora non dou cadra de quen pode ser ‡ pero agora non caio en quen pode ser ‡ pero agora non caio na conta de quen pode ser ‡ pero agora non caio nela.
Ex.: Sí que me suena el nombre, pero ahora no caigo.
Si que che me soa o nome, pero agora non fago caso ‡ pero agora non me dou (de) conta ‡ pero agora non me decato ‡ pero agora non fago mentes ‡ pero agora non dou cadra ‡ pero agora non caio ‡ pero agora non caio na conta ‡ pero agora non caio nela.
NOTA:
As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración:
a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.
b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.
c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.
Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.