A Xunta non está convencida coa proposta de aparcadoiro do Clínico e pídelle "seriedade" ao Concello

Raxoi aclara que a ORA na contorna do CHUS non esixirá rotación e que non afectará as prazas para residentes

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2024 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mostrou as súas dúbidas sobre as melloras que poderá supor a proposta de colaboración enviada polo Concello de Santiago á Xunta para os accesos e o aparcadoiro ao Hospital Clínico compostelán.

"O que esperamos por parte do Concello é seriedade para negociar con seriedade un hospital e a mobilidade na súa contorna, que sexan solucións reais para os cidadáns de Santiago e os pacientes que acudirán", manifestou Vázquez este mércores, en declaracións aos medios.

O martes, a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, presentaba en rolda de prensa esta proposta que inclúe a creación de prazas de aparcadoiro de zona azul (ORA), incrementos de frecuencias do autobús urbano e unha liña que una os límites urbanos de O Milladoiro, municipio de Ames, e Sigüeiro, municipio de Oroso, co hospital.

Sobre esta documentación, a conselleira dixo que a súa "primeira impresión" é que "non" é unha proposta de convenio e que apenas introduce cambios con respecto á que no seu momento enviou o anterior alcalde, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, "xa en novembro de 2022". Só inclúe "a maiores" unhas liñas de bus urbano dunha concesión que xa está caducada: "É un deber do propio Concello incluír esas liñas".

Ademais, Ethel Vázquez tachou de "sorprendente" que o goberno local propoña crear un parque arqueolóxico no Castriño de Conxo, "tamén financiado pola Xunta". Neste contexto, a conselleira de Infraestruturas ha reivinidcado que o Executivo autonómico xa está a executar "dúas actuacións importantes de 110 millóns de euros", como é a propia ampliación do Hospital Clínico e o Centro de Protonterapia de Galicia.

ZONA AZUL SEN ROTACIÓN

Este mesmo mércores, o Concello de Santiago publicou varias aclaracións sobre a implantación da ORA na contorna do Clínico, que funcionará baixo o réxime xeral "pero sen o deber de rotación". Desta forma, cada persoa pode renovar o ticket cada dúas horas pero sen o deber de mover o coche, ao contrario que no resto de rúas onde está implantada a zona azul.

En concreto, a ORA afectará ás seguintes rúas: Avenida de Barcelona (110 prazas), rúa de Antonio Rama (32), rúa de Manuel Caeiro (16), Avenida de Bilbao (43), rúa Sempre en Galicia (40) e rúa de Valentín Varela Igrexas (22). Así, non se suprimirán as prazas de residentes da zona 9 de Santa Marta, nin tampouco as 90 destinadas para residentes en horario nocturno nin as 40 do réxime xeral de residentes.

Raxoi explica que o obxectivo da implantación da zona azul na contorna do CHUS é "evitar a presenza dos denominados vehículos ventosa", é dicir, aqueles que permanecen nun mesmo sitio "durante longos períodos de tempo, habitualmente durante a semana laboral".

Contorna e aparcadoiro do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) / Europa Press / Europa Press
Contorna e aparcadoiro do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta