Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2024 | Actualizada ás 19:06
A presidenta de Novas Xeracións (NN.XX.) e candidata pola provincia de Lugo ao 18F, Nicole Grueira, informou de de que a organización propuxo que o programa do PPdeG incorpore a posta en marcha dun plan específico de promoción da saúde mental e de prevención do suicidio entre a poboación nova galega, así como o fomento dun programa de primeira experiencia na empresa ou o impulso de axudas para o aluguer de vivenda por parte da mocidade.
Nicole Grueira encabezou na tarde deste mércores na sede autonómica do partido a reunión do comité de dirección da organización xuvenil ligada ao PPdeG. Un encontro no que, ademais de avanzar na preparación das actividades para a próxima campaña electoral, analizáronse as achegas do colectivo ao programa co que Alfonso Rueda concorre ás urnas.
Neste sentido, Grueira agradeceu a acollida e interese co que os responsables do programa electoral recibiron as propostas, e incidiu no desenvolvemento de programas específicos de promoción da saúde mental e de prevención do suicidio na poboación xuvenil.
"Esta iniciativa levaría a cabo en colaboración coas redes de centros educativos e xuvenís, e inclúe a consolidación dos grupos de apoio tutorizados por persoal sanitario e docente previamente formado na materia", apuntou.
OUTRAS PROPOSTAS
Tamén aludiu a outras medidas propostas no programa electoral do PPdeG pensadas para beneficiar á mocidade galega, como o fomento dun programa de primeira experiencia na empresa, co obxectivo de favorecer o primeiro contacto laboral da mocidade; ou o impulso das axudas ao aluguer para mozos menores de 36 anos, de forma que se lles facilite o acceso á súa primeira vivenda.
"Favorecer o transporte dos mozos galegos tamén é unha das nosas prioridades, polo que, ademais de implantar medidas que impulsen o uso do transporte público, propomos que o PPdeG amplíe as axudas para a obtención do carné de conducir para que cheguen ao maior número de mozos posible", salientou.
Neste punto, lembrou que, na actualidade, o carné de conducir "é un requisito imprescindible para moitos empregos, así como unha necesidade nunha comunidade como Galicia cunha importante dispersión poboacional".
REUNIÓN COS CONSELLOS SOCIAIS
Tamén este mércores, o conselleiro de Educación e candidato do PPdeG pola provincia de Pontevedra, Román Rodríguez, e o coordinador do programa electoral da formación, Valentín García, trasladaron aos consellos sociais do tres universidades públicas galegas a proposta de implantar a gratuidade nas primeiras matrículas universitarias se Rueda continúa como presidente.
Así o explicaron nunha reunión á que acudiron Cecilia Sierra (USC), Ernesto Pedrosa (UVigo) e Antonio Abril (UDC) e na que Román Rodríguez defendeu que a gratuidade das taxas "contribuirá a consolidar Galicia como unha terra de oportunidades para a mocidade".
A proposta, anunciada hai uns días polo presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, beneficiará ás primeiras matrículas de todos os cursos, cun total de 50.000 potenciais beneficiarios.
Esta reunión rexistrouse no marco da presentación da medida a distintos actores implicados. Así, tras a explicación aos reitores, foi a quenda dos representantes dos seus respectivos consellos sociais, que son os órganos que canalizan a participación da sociedade galega na universidade co obxectivo de "contribuír ao desenvolvemento social, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia a través da educación superior".
PRESENTACIÓN DO "CONTRATO"
O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alfonso Rueda, elixiu Lugo para presentar as propostas do programa electoral co que se presenta ás eleccións galegas do próximo 18 de febreiro, isto é o seu "contrato" coas galegas e galegos para o próximos catro anos.
Segundo informou o PP, o candidato á Presidencia da Xunta explicará o documento no que se recollen as principais medidas do seu proxecto para continuar á fronte do Goberno de Galicia. Os populares lucenses subliñan que Rueda elixe Lugo como escenario de "un dos actos máis importantes" previo ás autonómicas.
O acto terá lugar o vindeiro sábado, 27 de xaneiro, ás 12,00 horas, no Pazo de Feiras e Congresos, e nel participarán tamén a cabeza de lista pola provincia, Elena Candia, e o coordinador do programa, Valentín García.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.