Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 27/01/2024 | Actualizada ás 14:00
Contexto: unha campaña de investigación sobre o desxeo na Antártida. Pois un galego natural de Salceda de Caselas, Alejandro Gómez Pazo, está inmerso no proxecto PARANTAR, unha investigación liderada por Jesús Ruiz Fernández da Universidade de Oviedo. Consiste en coñecer en detalle como foi o proceso de desglaciación nas illas Shetlands do Sur, na Antártida marítima. Alejandro é xeógrafo de formación e encargase do emprego das novas tecnoloxías para o coñecemento das variacións da capa do xeo na contorna e as súas consecuencias. Para isto emprega sensores RFID e drons, ferramentas esenciais que xa empregara na súa tese de doutoramento sobre a evolución da costa galega, a antesala desta nova experiencia no continente antártico.
"É unha experiencia moi chula, pero cunha carga de traballo moi grande. Só podemos estar aquí por un período de tempo reducido e temos que maximizar as posibilidades de levar adiante os nosos experimentos", recoñece Alejandro.
En que consiste a investigación? Alejandro explica que a contorna da Antártida é un dos principais focos de estudo para todas as temáticas ligadas co cambio global. Os xeos xogan un papel importante neste sector e "a súa desaparición pode ter grandes repercusións a nivel mundial". Destaca que están no lugar perfecto para ver como evolucionan, coñecer os ritmos da perda de xeo e o que acontece cando xa non está para poder "saber mellor que nos deparará o futuro". As consecuencias, a pequena escala, líganse a aparición de vexetación que antes era "impensábel nesa zona", a perda ou substitución dalgúns tipos de hábitats pola mudanza das condicións climáticas e tamén a moitas variacións en relación coa morfoloxía do terreo e paisaxe, zonas erosionadas, por exemplo.
O investigador galego iniciou este viaxe o 12 de xaneiro e estará na campaña antártica ata mediados de febreiro. Chegar ata o continente, a Shetland do Sur, supuxo moita dificultade en termos de transporte, xa que non existen voos regulares e segundo nos di "as condicións metereolóxicas adoitan ser un claro limitante para embarcacións e avións". Cruzou en barco o Drake ou Mar de Hoces para poder desembarcar na BAE Juan Carlos I. Xa se imaxinara nestas circunstancias por ser algo que levaban tempo sobre a mesa. "O camiño é bastante longo, hai que preparar materiais e mercar roupa para as condicións de traballo", afirma.
O TRABALLO NA ANTÁRTIDA
Alejandro expón que no día a día durante o traballo de campo na Antártida cobra especial relevancia o traballo en equipo porque "son tarefas que requiren da participación de varias persoas para poder desenvolvelas con éxito". No seu caso ocúpase principalmente dos voos con dróns, tanto da planificación como da realización e o emprego dos sensores de radio frecuencia. "Cada un destes sensores ten un código individual que nos axuda a detectar cal foi o desprazamento de cada un deles, permiten afondar nas particulariedades da evolución. Nos casos dos dróns, analizamos as zonas que se están erosionando, cales son os seus niveis, cal é o volume que mudou entre dúas datas e tamén para detallar ou cartografar en detalle distintos niveis da superficie terrestre", conta.
O que están facendo durante esta fase é acumular toda a información posible, coa realización de novas análises ou estudos e a recuperación dos datos das estacións metereolóxicas. "Cando esteamos de volta será o momento no que realmente poidamos centrarnos en analizar os datos recollidos e poder chegar a algunhas conclusión", comenta.
A IMPORTANCIA DO PROXECTO PARANTAR
O proxecto PARANTAR É unha investigación realizada por catro persoas que fan traballo de campo e pertencen á diferentes universidades e a partes da investigación bastante diversas. "Tanto na base como no percorrido en barco convives con moitas persoas distintas que se dedican a diferentes eidos da ciencia e que ao final buscan un obxectivo semellante", apunta o xeógrafo.
Como definirías este proxecto? "Trátase dun proxecto interdisciplinar bastante ambicioso no que a perda do xeo é o fío condutor, a partir do cal aparecen unha morea de actividades relacionadas e que frecuentemente inclúen ás novas tecnoloxías como chave para poder comprender o que pasa na actualidade e o que leva acontecendo durante milleiros de anos", responde.
Coa investigación un dos principais obxectivos segundo nos conta está centrado en "arroxar un pouco de luz sobre a evolución da desglaciación nestas zonas" para comprender que acontecerá no futuro en base a esa. "Os sensores de radio frecuencia que empregamos en Galicia levámolos agora a unha contorna moi diferente e no que buscamos probar ata que punto poden ser de utilidade", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.