Polo que, á semana seguinte de queimar os entroidos, temos que ir votar. Mais na chamada esquerda auténtica o divorcio que parecía a piques de superarse escachou, e as papeletas pra acadar esa maioría de 38 escanos comeza a ser máis complicada. As división e liortas entre formacións políticas polo mesmo espacio electoral van ter consecuencias, pois sumar e Podemos xóganse seguir vivas ou desaparecer neste noroeste peninsular. E iste asunto agravouse coa votación dos podemitas contra o decreto que levaba a marca da vicepresidenta de Ferrol. Pois o infantilismo dos rapaces de Podemos condénaos a entrar nun camiño onde as culpabilidades vanlle pesar como unha lousa de pedra.
A falla de madurez política e a influencia dese lider que se foi pero que está, e sempre aparece como a sombra que sempre me asombra do poema de Rosalía, fixo escachar a unidade de comenencia pra saír o mellor posibel do paso electoral.
A chamada esquerda auténtica sempre andivo e anda en liortas ideolóxicas atadas a purismos pra saber quen é mais reivindicativo defendendo ás clases sociais menos favorecidas. Os comunistas que querían tomar o ceo por asalto, chocan fronte ós pramáticos que a día de hoxe lidera a galega, e moi oportunista Iolanda Díaz.
E como siguen nesas leas inútiles e estériles, pois tanto o PSOE como o BNG ven unha oportunidade pra ensanchar o seu espazo electoral.
O paso do tempo e a reflexión de que é mellor o malo coñecido que o bo por coñecer, vai clarificando o panorama electoral. Polo que o mapa nesta terra quedará repartido entre tres formacións. As demais seran testemuña pois non pinta nada ben pra elas.
Claro que nesta nosa cidade temos a aparición do pintoresco Jácome e o seu chiringuito. Digo o de chiringuito, pois a creación dun partido político é algo máis serio que a paiasada do que significa a anomalía de DO. E fago esta afirmación, pois nun partido hai principios, ponencias, discusións, sambleas e congresos. E ate onde se sabe, nese grupo, non hai nada máis co capricho de Gundisalvo Ferreira que é o que ten todo o poder, e a onde van parar todos os cartos que seica son moitos. E nese todo inclúo os euros que, segundo voz populi, pasan por ser cuotas partidarias dos cargos postos a dedo no Concello.
Hai uns días, alguén que sabe do asunto díxome: que o paso polo Concello permitelle facer caixa e vivir ben a conta da democracia a algúns persoeiros que carecen de principios e tamén de ética.
En fin, estamos en Ourense cidade que é calificada por alguns medios televisivos como o Salvaxe Oeste. Triste adxectivo que temos que aturar os que sentimos orgullo desta cidade. Mais, as cousas son así. Polo que esperemos que remate este andazo e os ourensás recuperemos o sentidiño. Agora que estamos nun tempo frío co entroido petando ás portas en con eleccións á vista, esperemos que estas non sexan unha entroidada máis, pois nelas xogámonos moito. A chamada esquerda, a que aludín ó comenzo, xogase a súa existencia. Xógase practicar o pracmatismo, ou desaparecer. E os nacionalistas tamén xoganse ou aceptar ese pracmatismo no caso de gobernar, ou seguir a soñar con revolucións que nunca chegarán. Con todo, son a única esperanza de que algo mude nesta terra. Pois precisamos un vento novo que entre nas institucións e as osixene. Dado que moitos dos que gobernan pensan que o poder lles pertence dende sempre. E eso é moi malo pra democracía e para Galicia.