18F.- Abascal di que en Galicia a xente vota ao PPdeG "por simple aburrimento"

Tacha de "anomalía democrática" a abstención das últimas autonómicas, que cre que obedece a "claros síntomas de esgotamento"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2024 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

O presidente de VOX, Santiago Abascal, cre que en Galicia, "en moitos casos", a xente vota ao PPdeG por "simple aburrimento" e por "medo" a que gañe a esquerda. Así o declarou este domingo en Vigo ante a medios comunicación antes de participar nun acto público para arroupar ao candidato á presidencia da Xunta e cabeza de lista de VOX por Pontevedra, Álvaro Díaz-Mella.

Alí, Abascal mostrouse preocupado polo que considera unha "anomalía democrática", que nas últimas eleccións autonómicas "máis da metade" dos galegos "non votaron". Para el, isto obedece a "claros síntomas de esgotamento" dunha maioría absoluta que defraudou " a moitas persoas" porque, ás veces, "supón a aplicación da esquerda, dos nacionalistas".

"Por medo a que unha esquerda, como a que hai hoxe en España, liderada por un personaxe como Pedro Sánchez, poida acceder ao goberno de Galicia", esgrimiu. Abascal lembrou que o seu partido chegou a obter en Galicia "o respaldo de 116.000 galegos e mostrouse convencido de que "se logran" que "volvan confiar" neles, Vox "non só entrará" no Parlamento de Galicia, senón que "será decisivo" para a conformación dun goberno.

A continuación, puntualizou que hai "moita xente que se abstén" porque, en palabras de Santiago Abascal, pensa que "todos os partidos son iguais", que "todo vai quedar igual", que "nada vai cambiar".

"Vimos precisamente a Galicia e estamos aquí para dicir que onde Vox entrou nos gobernos, as cousas están a cambiar", enxalzou o presidente do partido. Tamén fixo un repaso polas políticas que realizan naqueles lugares onde Vox goberna e onde se converteu en decisivo.

Por iso, lembrou que fan políticas "en defensa do campo" e "contra a Axenda 2030", deféndese, continuou, a liberdade dos pais para elixir a educación dos seus fillos e a lingua na que son escolarizados, entre outras.

"En definitiva, están a tomarse moitas decisións que supoñen un cambio de rumbo e iso é o que nós achegamos á política española e confíamos en poder achegar á política en Galicia a partir do 18 de febreiro", sentenciou.

O líder de VOX, Santiago Abascal, durante unha rolda de prensa tras a reunión do Comité de Acción Política de Vox, na Sede do partido, a 8 de xaneiro de 2024, en Madrid
O líder de VOX, Santiago Abascal, durante unha rolda de prensa tras a reunión do Comité de Acción Política de Vox, na Sede do partido, a 8 de xaneiro de 2024, en Madrid | Fonte: Marta Fernández Xara - Arquivo

MANIFESTACIÓN CONTRA A AMNISTÍA

O presidente de Vox, Santiago Abascal, criticou que a manifestación convocada este domingo contra a amnistía polo PP é "unha estratexia" dos populares. "A oposición clara ao que este Goberno está a facer coa amnistía, que cremos que é un delito de suborno como unha catedral, que denunciamos ante o Tribunal Supremo, pero non podemos, nestes momentos, apoiar unha estratexia do PP que xera confusión", lamentou Abascal preguntado polos medios este domingo nun acto en Vigo.

A continuación, engadiu que, en referencia ao PP, o que "non se pode" é chamar á xente a manifestarse os domingos "dicindo que hai un golpe á Constitución" e o luns "pactar a súa reforma".

"Acordar un mediador internacional para a reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial ou acordar, como fixo en Galicia, excluír a Vox dos debates electorais nos que xa participou na anterior campaña electoral", lamentou Santiago Abascal. "Nós actuamos en consecuencia, por tanto non podemos apoiar o que consideramos que é simplemente un acto público, un mitin do Partido Popular", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta