Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2024 | Actualizada ás 17:45
A Real Academia Galega (RAG) organizou unha programación que inclúe, entre outras propostas, unha serie documental e contidos para os máis novos sobre Luísa Villalta, a autora á que este ano se dedica o Día das Letras Galegas. Entre outras iniciativas, estrearase en marzo una serie web documental sobre a autora, nacida na Coruña e falecida en 2004, con guión de Alba López e dirixida por Damián Varela. Serán seis episodios que poderán verse en redes e na TVG.
Ana Romaní, Margarita Ledo e Manuel Rivas pronunciarán, ademais, as alocucións académicas do 17 de maio nun pleno extraordinario e público que se celebrará na Coruña. Na segunda metade do ano, celebrarase o simposio das Letras Galegas a cargo de especialistas no legado da escritora.
Da homenaxeada, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes destacou o seu "compromiso coa cultura e coa lingua", á vez que remarcou que formou parte dunha xeración "comprometida social e politicamente". O acto de presentación da programación contou tamén coa presenza da directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, e de María Gómez e Susana Villalta, nai e irmá da homenaxeada.
De "intelectual completa", cualificou Marilar Aleixandre a Luísa Villalta, á vez que remarcou que o obxectivo é dar a coñecer a súa obra en centros educativos. Pola súa banda, Susana Villalta destacou o pensamento "con moita forza" da súa obra e avanzou a intención de reeditar algúns dos seus traballos e de publicar outras obras inéditas.
Xa noutra orde de cousas, e a preguntas dos xornalistas sobre a situación do galego, Freixanes apelou a traballar para "facer moito mellor" as cousas de cara á súa potenciación. "É patrimonio de todos e de todas", dixo para subliñar a necesidade de defender o idioma todos os días do ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.