Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2024 | Actualizada ás 14:10
GaliciaLe, a plataforma en liña da Xunta que permite acceder ao catálogo electrónico das bibliotecas públicas galegas, terá a partir de agora unha aplicación móbil --dispoñible para Android e iOS-- na que poder empregar este servizo.
Desta forma, estarán dispoñibles os 14.000 títulos electrónicos de fondos literarios e documentais de GaliciaLe. Ademais, incorpora unha modalidade para persoas non residentes en Galicia.
Na presentación desta aplicación en Santiago, o conselleiro Cultura, Educación,FP e Universidades, Román Rodríguez, destacou que "isto supón un avance nun momento de plena transformación dixital para maximizar as condicións de acceso á cultura e á literatura". A plataforma GaliciaLe pechou 2023 con case 17.500 usuarios, "o que demostra o interese dos galegos pola lectura dixital", resalta Rodríguez.
Paralelamente, a Xunta actualiza a imaxe dos carnés de usuario de bibliotecas, de modo que todas contarán co mesmo modelo para ofrecer aos seus lectores. Poderase solicitar de modo telemático sen necesidade de acudir fisicamente á biblioteca. Como novidade, actualizaranse as condicións de protección de datos e deixará de ser obrigatorio presentar unha fotografía. Tamén se ofrece a posibilidade de levar o carné de forma dixital no teléfono móbil.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.